Publicador de contidos
Publicador de contidos

Panaderías e talleres mecánicos, dous sectores necesitados de man de obra cualificada

Panaderías e talleres mecánicos, dous sectores necesitados de man de obra cualificada

A demanda de traballadores obriga os empresarios a acudir buscalos directamente aos centros de formación que este verán se viron desbordados

As panaderías teñen moitos problemas para atopar traballadores dispostos ao traballo nocturno e de fin de semana
G24.gal 16/09/2024 12:57

A falta de xente para traballar empeza a ser un problema en moitos sectores. Nas panaderías levan anos acusando esta falta de man de obra, o que obriga mesmo ao peche de moitas delas. O traballo nocturno e de fin de semana é o que máis bota para atrás os posibles candidatos.

 "As condicións no sector creo que non son malas, pero si que é verdade que a xente prefire ter calidade de vida, ter fins de semana, ter tempo coa súa familia, como é lóxico pero iso supón que sexa máis difícil sacar adiante un negocio, si", explica Victoria Porteiro, xerente da panadería Roiser.

Tampouco o teñen fácil nos talleres mecánicos onde os salarios adoitan ser discretos.

"Tiven a sorte despois de levar un ano longo buscando persoal, atopar, e a día de hoxe estou contento con eles, traballan ben, traballo grazas a Deus imos tendo", apunta David Teijo, propietario do Taller de David.

A demanda de traballadores obriga os empresarios a acudir a buscalos directamente aos centros de formación que este verán se viron desbordados.

"A demanda foi impresionante, non me pasara isto nunca", conta Enrique Pazo, director do CIFP Ferrolterra.

Neste centro aseguran ao seu alumnado un 100% de emprego.

"O ano pasado un 93 % por cento dos alumnos que remataron tiveron a primeira oportunidade de traballar, algúns aceptáronos a outros non, eu penso que este ano poderemos chegar ao 100 % nesta familia profesional segurísimo", relata Enrique Pazo, director do CIFP Ferrolterra.

A necesidade obriga os empresarios a buscar fórmulas para reter os seus traballadores. No taller de David cambiouse a xornada partida pola continua e libranza toda a fin de semana, pero isto non é posible en todos os sectores.

 "Sentimos unha certa impotencia porque hai traballo, en Galicia hai traballo, pódese vivir, pero claro, non á medida de cada un", lamenta xerente da panadería.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade