Presentación, coherencia e erros gramaticais suporán o 10 % da nota da ABAU 2025
Presentación, coherencia e erros gramaticais suporán o 10 % da nota da ABAU 2025
Será a primeira proba de acceso á universidade aliñada coa LOMLOE
Na nota da nova ABAU de 2025, a coherencia, a cohesión, a presentación e a corrección gramatical, léxica e ortográfica supoñerán un 10 % da cualificación, e haberá un único modelo de exercicio para cada materia.
Estas son algunhas das novidades do borrador do real decreto polo que se regulan os requisitos de acceso aos ensinos universitarios oficiais de Grao.
Será a primeira ABAU aliñada coa última reforma educativa, a LOMLOE, máis coñecida como Lei Celaá, en que se fai fincapé no enfoque de competencia: que o alumnado sexa quen de aplicar os coñecementos e non só memorizalos. Ao cambiar o modo de dispensar as materias, tamén hai que cambiar os métodos de avaliación.
As principais características da proba de acceso á universidade a partir de 2025 son as seguintes:
- Os exercicios terán un deseño competencial que permitirá comprobar o grao de consecución das competencias específicas das materias que establecen os novos currículos da LOMLOE.
- Os exercicios requirirán do alumnado creatividade e capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez na resolución por escrito dunha serie de preguntas ou tarefas adecuadas ás competencias examinadas.
- As preguntas ou tarefas contextualizaranse en contornas artísticas, científicas, humanísticas e tecnolóxicas e, preferentemente, en contornas próximas á vida do alumnado.
- Cada exercicio terá unha duración de noventa minutos.
- Os exercicios poderán estar estruturados en diferentes apartados, que, á súa vez, poderán conter unha ou varias preguntas ou tarefas. Estas poderán requirir respostas pechadas, semiconstruídas ou abertas, sempre que en cada un dos exercicios a puntuación asignada ao total de preguntas ou tarefas de resposta aberta e semiconstruída alcance como mínimo o 70 %.
- En cada materia farase entrega dun único modelo de exercicio. Con todo, se se estima conveniente, nalgúns apartados, poderase incluír a posibilidade de elixir entre varias preguntas ou tarefas. Esta elección non poderá implicar en ningún caso a diminución do número de competencias específicas obxecto de avaliación.
- Os exercicios de Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Cooficial e Literatura II e Lingua Estranxeira II deberán ofrecerse e responderse na lingua correspondente. Para o resto, as administracións educativas asegurarán ao alumnado a posibilidade de elección entre as linguas oficiais dos seus territorios.
- No caso de que as preguntas ou tarefas o requiran, para a realización dos exercicios das diferentes materias, o alumnado poderá facer uso de documentos ou ferramentas auxiliares, tales como dicionarios, calculadoras, formularios ou táboas.
- En todos os exercicios incluirase información sobre os criterios de corrección e cualificación. Estes criterios incluirán, entre outros, parámetros que permitan avaliar os seguintes aspectos:
a) A adecuación ao solicitado no enunciado
b) A coherencia, a cohesión, a corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos producidos, e a súa presentación.
Nos exercicios en que as preguntas ou tarefas requiran a produción de textos por parte do alumnado, a avaliación correspondente aos aspectos previstos no anterior apartado non poderá ser inferior a un 10 % da cualificación.
- Cada un dos exercicios que comprenden a proba de acceso cualificarase de 0 a 10 puntos.
- A cualificación da proba será a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos exercicios. Deberá ser igual ou superior a catro puntos para que poida ser tida en conta no acceso aos ensinos universitarios de Grao.
- A cualificación de acceso á universidade calcularase mediante a media ponderada do 60 % da nota media de Bacharelato, calculada sen tomar en conta a cualificación da materia de Relixión, e do 40 % da cualificación da proba de acceso.
- Entenderase que se reúnen os requisitos de acceso á universidade cando a cualificación ponderada descrita no apartado anterior sexa igual ou superior a cinco puntos.
- A proba de acceso constará de catro ou, no caso de comunidades con lingua oficial propia, cinco exercicios que versarán sobre as seguintes materias:
a) Lingua Castelá e Literatura II, e, se hai, Lingua Cooficial e Literatura II.
b) Historia de España ou Historia da Filosofía, á elección do estudante.
c) Lingua Estranxeira II.
d) A materia específica obrigatoria de segundo curso de Bacharelato da modalidade cursada.
- Quen realice a proba de acceso e desexe mellorar a súa nota de admisión poderá examinarse na mesma convocatoria de ata tres materias de segundo curso de Bacharelato, comúns ou de modalidade, distintas a aquelas das que se examinou na proba de acceso. Así mesmo, poderá examinarse dunha segunda lingua estranxeira distinta da que elixise na devandita proba.