OPINIÓN

Presión e esforzo fiscal: hai que subir máis os impostos?, por Maite Cancelo

G24.gal 17/11/2023 07:57

O último informe de FEDEA sobre a presión fiscal en España e na Unión Europea, baseado nos datos publicados por Eurostat, sinala que no ano 2022 a presión media na UE practicamente non variou desde o ano 2019 mentres que en España o aumento foi de 2,9 puntos, e situouse no 38,3 % de ingresos tributarios sobre o PIB fronte ao 41,2 % de media europea, focalizando esta diferenza nas menores cotizacións sociais por traballador.

No informe, non se recolle o que se chamaría esforzo fiscal, que consiste en dividir a recadación por impostos non sobre o PIB senón sobre o PIB por habitante, indicador que si tería en conta canto achegamos os cidadáns nesta recadación e que en países como España, cun menor nivel de PIB que noutros países europeos, nos indica que a pesar de ter unha presión fiscal máis baixa podemos ter un esforzo fiscal máis elevado.

En palabras do Consello Xeral de Economistas, o esforzo fiscal permite comparar o nivel de recadación coa produción media dun país ou, o que é o mesmo, que en España podemos estar a pagar máis impostos con rendas máis baixas.

De feito, en España temos os tipos máis altos en IRPF, Patrimonio e Sucesións e Doazóns, coa agravante de que, estes dous últimos impostos supoñen un dobre gravame, xa que son de aplicación sobre rendas que xa foron gravadas por outros impostos, sobre todo a través do IRPF. De feito, son impostos en claro retroceso nas economías europeas e non se poden considerar como impostos a grandes fortunas, porque, en moitos casos, falamos de aumentos de patrimonio derivados do aforro de pequenos e medianos empresarios ou familias que contiveron o seu consumo en favor do investimento destas rendas ao longo da súa vida.

Pero se falamos dun dos impostos que pagamos todos, o IRPF, temos o informe de Fundalib e Tax Foundation, que, cunha análise dos tipos impositivos nas Comunidades Autónomas de España, sinala que todas aplican máximos por riba da media da UE (42,65 %), que once países teñen un IRPF máis reducido e que en dez delas (entre as que non está Galicia) se aplica un tipo superior ao de Alemaña. No informe recóllese, ademais, que Valencia, no ano 2022, aplicaba un tipo máximo do 54 % só por detrás de Francia, xa que os outros países con maiores tipos, Austria e Dinamarca, teñen diferentes características que non permiten comparar, directamente, o tipo aplicado.

Ademais, na análise non se está tendo en conta a mellora do PIB nominal (cociente no cálculo da presión fiscal) e a inflación da nosa economía o que implica un incremento na recadación fiscal pero non o aumento “real” na presión se se tivese en conta o efecto do aumento dos prezos. De feito, a inflación pódese considerar como o gran motor do aumento da recadación, non só por efecto do IVE senón polo propio aumento dos ingresos por renda, ao non estaren os tipos axustados ás subidas da propia inflación.

E, ante os anuncios do xa electo presidente de España de novas subidas do IRPF que necesita para poder pagar todos os compromisos derivados dos pactos de goberno coas distintas forzas políticas, lembrar que ese aumento seguirano pagando, como sempre, as clases medias, que tamén están a sufrir os continuos aumentos dos prezos

Para finalizar, a análise dos datos da carga pero tamén esforzo fiscal, sumada ao aumento dos prezos, fai que sexan desaconsellables novos aumentos de impostos xa que estes minguarán, aínda máis, a capacidade adquisitiva dos cidadáns, o cal pode ser un lastre para o noso futuro crecemento económico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade