Publicador de contidos
Publicador de contidos

Preto de 600 persoas chegaron este domingo ás Canarias en sete embarcacións precarias

Preto de 600 persoas chegaron este domingo ás Canarias en sete embarcacións precarias

As principais illas a que chegaron foron Gran Canaria e El Hierro

Desembarco de 81 persoas rescatadas dun caiuco en El Hierro (EFE) Desembarco de 81 persoas rescatadas dun caiuco en El Hierro (EFE)
G24.gal 28/01/2024 19:42 Última actualización 28/01/2024 20:43

Case 600 persoas, entre elas mulleres e nenos, chegaron este domingo ás Canarias en seis caiucos e unha embarcación máis, tras o desembarco nas últimas horas doutras tres embarcacións con 153 persoas a bordo nas illas de El Hierro e Gran Canaria.

Arredor das 14:00 horas, Salvamento Marítimo recibiu información da Garda Civil sobre o avistamento dun caiuco a case 13 quilómetros da Restinga, en El Hierro. Mobilizaron a Guardamar Talía, que localizou a embarcación un cuarto de hora despois e procedeu a escoltala ata o porto, con 81 persoas de orixe subsahariana, entre as que se atopaban unha muller e un menor.

Dúas horas despois, a Garda Civil informou da localización por un radar dunha embarcación a 16 quilómetros de Maspalomas, na illa de Gran Canaria. Salvamento Marítimo mobilizou a Salvamar Nunki, sobre as 16:25 horas, que avistou un caiuco e rescatou as tres persoas que levaba a bordo. Neste caso, todos eran homes e desembarcaron sobre as 18:00 horas no peirao de Arguineguín.

Noutro caiuco que chegou á Restinga con 69 persoas, unha delas unha muller, explicaron á Garda Civil que viñan con outro caiuco aínda maior, pero que o perderan de vista porque lles fallou o motor ou quedaron sen combustible.

A chegada destas tres embarcacións tivo lugar despois de que un caiuco con 155 persoas a bordo, entre as que se atopaban 19 mulleres e 15 nenos, desembaracase ás 10:30 horas no porto de La Restinga. O caiuco chegou escoltado pola Garda Civil, a quen indicaron que levaban cinco días de navegación e que saíron de Nuakchot, a capital de Mauritania.

Entre os pasaxeiros dese caiuco, unha muller embarazada foi trasladada ao hospital, e había nacionais de Malí, Senegal, Guinea-Conakri, Mauritania, Gambia, Camerún e Costa de Marfil.

A maiores, na madrugada do domingo chegaron noutras tres embarcacións un total de 261 persoas. Polo menos dez delas requiriron ser trasladadas a centros sanitarios por diferentes patoloxías.

O balance de mortos ascende dende o venres a cinco persoas, dúas delas faleceron o venres e foron enterradas no cemiterio de El Pinar, na illa de El Hierro. As tres falecidas o sábado recibiron sepultura en Valverde, na mesma illa.

Debido á cantidade de migrantes que chegaron esta fin de semana a El Hierro, este domingo foron derivados a Tenerife un total de 300 persoas a bordo da patrulleira da Garda Civil e 61 persoas máis nun barco de liña regular.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade