Prevención e control das agresións sexuais nos locais de ocio nocturno
Prevención e control das agresións sexuais nos locais de ocio nocturno
O persoal dos locais de ocio vixía as situacións de risco que se poidan detectar
As discotecas en Galicia non dispoñen de zonas reservadas sen vixilancia
O caso de Dani Alves amosou a necesidade de previr e detectar as agresións sexuais nos locais de ocio nocturno. O Ministerio de Igualdade ten en marcha un protocolo ao que se poden adherir os establecementos para responder ante unha posible agresión e coordinarse cos corpos e forzas de seguridade.
En Galicia, desde a Federacion de Hostalería confirman que seguen as pautas que xa se puxeron en marcha para detectar a submisión química e que o persoal de seguridade vixía as situacións de acoso que se poidan dar e póñeno en coñecemento das autoridades en caso de que a vítima o reclame ou estea indisposta.
Desde a federación provincial de hostalería de Pontevedra o empresariado do ocio nocturno quere transmitir unha mensaxe de tranquilidade nos seus locais.
Din que non lles constan denuncias por agresións sexuais nas discotecas pero que, de darse unha situación de risco, o persoal actuaría de inmediato, tal e como indica Xosé Luís Asenjo, vicepresidente de ocio nocturno da Federación de Hostalería de Pontevedra.
Desde Galicia de Noite, é unha plataforma que temos todos os hostaleiros de España, onde intentamos formar ou falar co noso persoal de seguridade e camareiros para que se visen algo estraño en calquera muller ou home que se sinta mal, sempre actuemos.
De detectarse unha situación de risco ou agresión, os servizos de seguridade falarían coa vítima nun espazo illado para coñecer o seu estado e de ser necesario avisar a Policía e unha ambulancia.
Os profesionais de ocio nocturno din que aquí non podería darse unha agresión nun espazo sen vixilancia porque as discotecas non dispoñen dese tipo de reservados.
Aquí en Galicia tanto as discotecas que eu coñezo en Pontevedra coma aquí en Vigo os protocolos utilizámolos. Pero non é o mesmo ca nesa discoteca onde aconteceu o de Dani Alves, xa que aquí non temos zonas reservadas á parte que están fóra do núcleo da discoteca, da pista e esas cousas. Está todo aberto.
Aclaran que o protocolo que aplican é común ao resto do estado e que supuxo un incremento de vixilancia despois das denuncias por submisión química dos últimos anos.