Prisión para un exempregado de banca por asaltar unha clienta e sacarlle diñeiro das súas contas
Prisión para un exempregado de banca por asaltar unha clienta e sacarlle diñeiro das súas contas
A titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Vilalba acorda o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, dun exempregado de banca de 42 anos acusado de entrar no domicilio dunha veciña de Xermade e golpeala ata deixala malferida. Despois colleu o móbil da muller e transferiu miles de euros dende as contas da vítima á súa propia conta.
Fontes xudiciais confirmaron que o detido é investigado polos delitos de asasinato en grao de tentativa e roubo.
Investigábano dende febreiro
As pescudas da Garda Civil comezaron o pasado mes de febreiro, tras o asalto do que foi vítima esa veciña de Xermade no seu propio domicilio.
Os investigadores acharon “poderosos indicios” de que o detido agrediu de forma brutal á vítima, á que “golpeou fortemente” provocándolle “traumatismos cranioencefálicos penetrantes”, para facerse co seu teléfono e facer "varias transaccións monetarias" a través do servizo de banca móbil.
De feito, conseguiu o seu “obxectivo de transferir miles de euros a contas bancarias” da súa titularidade.
Os axentes, comprobaron que o agora detido “tiña coñecementos avanzados no uso de banca móbil e electrónica, tras estar vencellado laboralmente con varias entidades bancarias”.
No rexistro domiciliario efectuado este martes a Garda Civil interveu diversa documentación e material electrónico.