Prisión para oito dos detidos na operación contra a fabricación de narcolanchas
Prisión para oito dos detidos na operación contra a fabricación de narcolanchas
Están investigados por delitos contra a saúde pública, de contrabando e de pertenza a organización criminal
Outros catro arrestados na operación quedaron en liberdade, pero non poden abandonar o territorio nacional
O Xulgado de Instrución número 4 de Cambados decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, para oito dos detidos na operación policial contra as redes loxísticas do tráfico de drogas en Galicia.
Os outros catro arrestados que este venres pasaron a disposición xudicial, quedaron en liberdade, pero co pasaporte retirado e sen poder abandonar o territorio nacional ata nova orde.
Todos eles, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, están investigados por un delito continuado de contrabando, un delito continuado de pertenza a organización criminal e un delito contra a saúde pública.
Segredo sumarial
Poucos detalles transcenderon da operación contra esta rede que se dedicaba á fabricación de embarcacións para diferentes organizacións criminais, xa que o tribunal decretou o segredo sumarial na causa.
O epicentro sitúase na localidade de Cambados e un dos detidos é Ramón Bugallo, primo do coñecido narcotraficante Sito Miñanco. As forzas de seguridade fixeron ata 27 rexistros en vivendas e naves de Galicia, Cataluña, Castela e León, Madrid e Portugal.
Ademais de embarcacións, interviñeron cartos en efectivo e outros efectos presuntamente destinados a esta actividade ilícita. Neste operativo, da Policía Nacional, a Garda Civil e o Servizo de Vixilancia Aduaneira, detiveron un total de 21 persoas. Nove delas quedaron en liberdade tras declarar en sede policial.