Prisión para os seis tripulantes da narcolancha que matou dous gardas en Barbate
Prisión para os seis tripulantes da narcolancha que matou dous gardas en Barbate
Os dous detidos en terra quedaron libres con cargos
Prisión provisional sen fianza para seis dos oitos detidos pola morte de dous gardas civís o pasado venres en Barbate.
Van presos os tripulantes da narcolancha. Están investigados por dous delitos de asasinato, catro delitos de asasinato en grao de tentativa, seis delitos de atentado agravado, un delito de contrabando e un delito de resistencia grave a axente da autoridade.
Os dous detidos en terra quedaron libres con cargos e coa obriga de comparecer nos xulgados o día 1 de cada mes.
A estes investíganos por encubrimento e resistencia a un axente da autoridade.
Son os dous homes que foron nun coche a Sotogrande buscar algunhas das seis persoas que estaban na narcolancha que atropelou os axentes o pasado venres á entrada do porto de Barbate.
O sindicato da Garda Civil e partidos como Podemos e o PP piden a dimisión do ministro do Interior.
Grande-Marlaska afirma que continuará no cargo e promete man dura contra o narcotráfico no Estreito.
Os oito detidos chegaron ao xulgado de Barbate entre berros e apupos dun grupo de cidadáns que os agardaban na porta traseira do edificio, por onde entraron para declarar ante o xuíz.
Seis deles ían na embarcación que levou por diante a da Garda Civil e están acusados de dous delitos de homicidio e de lesións graves.
Os outros dous están investigados por encubrimento. Detivéronos cando ían en coche recoller os tripulantes da narcolancha accidentada. Foron os primeiros en saír de declarar. O xuíz deixounos en liberdade con cargos.
Case á mesma hora, na localidade leonesa de Nogarejas despedían a David Pérez, un dos gardas civís falecidos. Tiña 43 anos e era membro dos Grupos de Acción Rápida. Desde hai un par de semanas prestaba servizo no operativo de control de narcolanchas despregado en Cádiz.
A súa viúva rexeitou a medalla de condecoración que lle quería impoñer o ministro do Interior na capela ardente. O Sindicato da Garda Civil e partidos como Podemos ou o PP piden a dimisión de Grande-Marlaska.
"Se o señor Marlaska non cesa, o responsable é o presidente do Goberno", dixo Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP.
"Marlaska ten que asumir a responsabilidade. Esta é unha máis dunha longa listaxe de feitos inaceptables", engade Pablo Fernández, secretario de Organización de Podemos.
O ministro di que se manterá no cargo e desvincula o acontecido en Barbate coa falta de medios para loitar contra o narcotráfico.
Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior: "Non penso en dimitir. Son feitos gravísimos e dramáticos que non van quedar impunes", asegurou.
O Goberno promete man dura contra o narcotráfico no Estreito, cada vez máis violento. Na última década causou unha vintena de mortes, entre accidentes e homicidios.