Protesta veciñal en Catoira contra a instalación dun almacén pirotécnico en Coaxe
Protesta veciñal en Catoira contra a instalación dun almacén pirotécnico en Coaxe
O almacén, no lugar de Coaxe, tería capacidade para acoller 6.000 quilos de material explosivo
O Concello de Catoira autorizou en 2022 a instalación dun almacén para apeiros de labranza coa posibilidade de almacenar produtos pirotécnicos canto tivese os permisos
A Asociación veciñal de Coaxe presentou un recurso contencioso administrativo contra este almacén
O Concello de Catoira asegura que o depósito de produtos pirotécnicos recibiu a comezos de xullo o informe favorable da Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Protestan contra a posible instalación dun almacén pirotécnico no concello de Catoira.
“O próximo incendio, por moito que digan que teñen seguridade, nós sentímonos inseguros”. “Estamos preocupadas porque a nosa aldea está detrás dese monte”. Non só pola proximidade da pirotecnia, senón tamén polas verteduras que poidan facer ao manipular pólvora, como contén xofre iso vai para as augas e vanse acabar contaminando”, asegura a veciñanza de Coaxe e Carrecedo, os lugares máis próximos ao almacén.
Este almacén, agora mesmo baleiro, comezou tendo autorización municipal en xuño do ano pasado como depósito de apeiros de labranza, coa posibilidade de acoller artigos de pirotecnia cando a empresa tivese os permisos necesarios, unha decisión que non apoia o actual goberno municipal.
"O que nos ten que quedar claro é que se comeza cun almacén de apeiros de labranza e que se acaba cun almacén de pirotecnia de 6 mil quilos. A xente en Coaxe, na parroquia de Dimo, en Catoira, quere vivir sen medo, esa é a clave de todo”, asegura Xoán Castaño, alcalde de Catoira.
A asociación veciñal de Coaxe presentou un recurso contencioso administrativo por entender que se cometeron irregularidades na execución da obra deste almacén.
“Na obra non podían facer movementos de terra porque estamos en fase de concentración parcelaria, as medidas que tiñan no permiso de obra non se corresponden co que fixeron realmente”, asegura María Ferreirós, presidenta da Asociación Veciñal de Coaxe.
O Concello de Catoira asegura que o depósito de produtos pirotécnicos recibiu a comezos de xullo o informe favorable da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Desde a Subdelegación do Goberno aseguran que a autorización aínda está en trámite e que non poderán denegala se se axusta á lexislación vixente en materia de seguridade.