O PSOE e JxCat escollen o salvadoreño Francisco Galindo como verificador

Nun comunicado conxunto aseguran que a primeira xuntanza da mesa bilateral transcorreu nun "ambiente cordial"

O socialista Santos Cerdán adianta que non haberá un novo encontro este ano

Cerdán no aeroporto de Xenebra tras rematar a xuntanza
G24.gal 02/12/2023 08:44 Última actualización 02/12/2023 21:03

O PSOE e Junts per Catalunya (JxCat) celebraron este sábado en Suíza a primeira reunión da súa mesa bilateral. Malia estar rodeada do máximo hermetismo, ambas as dúas formacións revelaron a identidade do mediador.

Nun comunicado conxunto, emitido horas despois do encontro, explican que acordaron "propoñer o diplomático salvadoreño Francisco Galindo Vélez (San Salvador, 1955) que coordine o mecanismo internacional que forma parte do acordo político".

"Participou na reunión de hoxe, na que os dous partidos agradecéronlle o seu compromiso en poñer ao dispor das partes a súa experiencia e a súa vontade de contribuír a alcanzar a solución política e negociada ao conflito", engade a nota.

Francisco Galindo Vélez foi embaixador do Salvador en países como Francia e Colombia e representante do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) en diferentes misións.

"Ambiente cordial"

O conciso comunicado, de dous parágrafos, non aclara o emprazamento exacto no que tivo lugar a reunión, pero subliña que se celebrou "nun ambiente cordial e de traballo" e que "se continuou avanzando".

O secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, xa avanzara o clima cordial do encontro ante un grupo de xornalistas no aeroporto de Xenebra, cando ía embarcar no seu voo de retorno a Madrid. Ademais, descartou que se vaia celebrar outra reunión este ano.

"Foi ben, foi unha reunión de traballo e logo sacaremos unha nota, en breve", asegurou, sen ofrecer máis detalles.

Por parte de Junts, para esta primeira xuntanza viaxaron a Suíza o expresidente catalán Carles Puigdemont, o secretario xeral do partido, Jordi Turull, e a súa portavoz no Congreso, Míriam Nogueras.

Contidos

Ningunha das dúas partes informou sobre os contidos tratados. Porén, no seu acordo de investidura si especificaron os temas que exporían, estruturados en dous eixos: "a superación dos déficits e limitacións do autogoberno" e o "recoñecemento nacional de Cataluña".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade