Publicador de contidos
Publicador de contidos

ERC propón rebaixar tres anos a malversación sen ánimo de lucro

ERC propón rebaixar tres anos a malversación sen ánimo de lucro

A emenda de Esquerra propón distinguir se esa apropiación indebida de bens implica ou non ánimo de lucro para a persoa

PSOE e Podemos propoñen un novo delito de tres anos de cárcere para o enriquecemento ilícito dos cargos públicos

O portavoz de ERC no Congreso Gabriel Rufián (EFE/ Javier Lizon)
G24.gal 09/12/2022 11:08 Última actualización 09/12/2022 14:50

O grupo socialista e Unidas Podemos presentaron unha emenda á proposición de lei de reforma do Código Penal pola que se introduce un novo tipo para castigar con ata tres anos de cárcere os cargos públicos cuxo patrimonio aumente en máis de 250.000 euros sen que poidan xustificalo.

Esta emenda expón que as autoridades públicas estean obrigadas a xustificar ese enriquecemento durante cinco anos tras deixar o cargo, segundo indicaron a EFE fontes socialistas.

É a resposta dos partidos do Executivo á reforma do delito de malversación impulsada por ERC, e persegue, segundo declarou este venres en rolda de prensa o portavoz parlamentario do PSOE Patxi López, "loitar contra a corrupción" e "reafirmar esa loita".

Explicou López que, actualmente, se un cargo público ten un "enriquecemento patrimonial desproporcionado" unha vez finalizado o seu mandato, "non pasa nada", pero coa emenda, aqueles que incrementen o seu patrimonio ou cancelen as súas débedas por encima de 250.000 euros dos seus ingresos actuais, durante o exercicio de cargo e ata cinco anos despois de abandonalo, terán a obrigación de xustificalo.

O novo delito prevé penas de prisión de seis meses a tres anos, e inhabilitación de dous a sete anos, e multas de ata tres veces o enriquecido ilicitamente. En opinión do portavoz socialista, con este cambio legal "España situarase entre os países máis avanzados nesta materia, como Francia, Portugal ou Luxemburgo".

O PSOE nega que o delito de enriquecemento sexa para contrarrestar a ERC

O voceiro do PSOE non Congreso Patxi López asegurou que o novo delito de enriquecemento ilícito que propoñen na reforma do Código Penal é unha forma de "reforzar a loita contra a corrupción" e negou que o fixeran para "contrarrestar" o cambio sobre malversación de ERC.

O voceiro do PSOE dixo que non coñecen a emenda exposta por ERC que propón modificar o delito de malversación en función de se existe ou non ánimo de lucro e asegurou que non negociaron nada coa formación independentista no contexto de reforma do Código Penal.

A emenda de ERC propón distinguir se esa apropiación indebida de bens implica ou non ánimo de lucro para a persoa

A emenda de ERC á reforma do Código Penal propón modificar o delito de malversación que afecta a autoridades e funcionarios para distinguir se esa apropiación indebida de bens implica ou non ánimo de lucro para a persoa, de forma que fixa penas máis baixas para quen non se beneficie persoalmente do delito.

A proposta de ERC, que retoca o artigo 432, fala dun abano de condenas de prisión que van de dous a oito anos para os casos máis graves, nos que exista "ánimo de lucro", e de seis meses a tres anos para o cargo que "sen ánimo de apropiarse del, destine a usos particulares e alleos á función pública o patrimonio público posto ao seu cargo por razón das súas funcións ou con ocasión das mesmas".

A suspensión de emprego e cargo público será dun a catro anos e elévase a vinte anos a inhabilitación nos casos máis graves de malversación, segundo a proposta de ERC.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade