Os Mossos seguen buscando a Puigdemont malia que a súa contorna o sitúa en Waterloo
Os Mossos seguen buscando a Puigdemont malia que a súa contorna o sitúa en Waterloo
O Mossos defeden que estaba todo listo para realizar a súa detención e o conselleiro de Interior critica a actitude de Puigdemont polo seu "comportamento impropio"
O xuíz do Supremo Pablo LLarena pide explicacións aos Mossos e a Interior sobre a fuxida do expresidente catalán
O ministro de Xustiza, Félix Bolaños, sinala que toda a responsabilidade do operativo policial era dos Mossos d'Esquadra
Feijóo esixe "o cesamento fulminante" de Grande-Marlaska e Robles
O expresidente da Generalitat, Carles Puigdemont, xa non está en Cataluña. Segundo explicou esta mañá Jordi Turull, secretario xeral de Junts, Puigdemont regresou á súa residencia en Bélxica, na localidade Waterloo, logo de pasar a noite en Francia.
Turrull, nunha entrevista na emisora de radio RAC1, revelou tamén que o expresidente catalán estaba en territorio español cando menos dous días antes da súa aparición no acto que se celebrou o Arco de Triunfo de Barcelona pouco antes de que comezase o pleno do debate de investidura de Salvador Illa. De feito, o secretario xeral de Junts asegurou que ceara con Puigdemont o martes á noite en Barcelona.
Antes destas declaracións o seu avogado, Gonzalo Boye, aseguraba tamén en declaracións aos medios que desde onte mesmo Carles Puigdemont está no estranxeiro. "Está nun lugar seguro, fora de Barcelona, de Cataluña e do Estado", afirmou.
Segundo Boye, onte "todo foi como Puigdemont o planificara" previamente, xa que "non tiña previsto ser detido": "Non viña entregarse, viña loitar", dixo.
O avogado de Puigdemont afirmou que o expresident "sempre estivo ao dispor da xustiza", pero que "se lle persegue por uns feitos que están amnistiados por unha lei que un xuíz non quere aplicar".
Neste sentido, celebrou que o expresidente catalán estea "libre", e opinou que a Puigdemont acabaráselle aplicando a amnistía "máis pronto que tarde".
A policía autonómica abriu unha investigación interna para ver se houbo axentes que colaboraron na fuxida de Puigdemont. Os dous que foron detidos nun primeiro momento quedaron en liberdade provisional. Este venres detiveron outro.
O mosso d'esquadra titular do coche no que fuxiu o expresident Carles Puigdemont alegou que prestou o vehículo a unha amiga que vai en cadeira de rodas e que xa foi identificada nunha roda de recoñecemento con fotografías de varias tenistas posto que practica ese deporte.
O conselleiro de interior critica a "actitude impropia" de Puigdemont
O conselleiro de Interior, Joan Ignasi Elena, saíu en defensa dos Mossos d'Esquadra e arremeteu contra o expresidente catalán Carles Puigdemont polos seus intentos de "dinamitar" a investidura: "Non previamos un comportamento tan impropio de quen foi a máxima autoridade do país".
Elena compareceu este venres en conferencia de prensa, xunto á cúpula dos Mossos d'Esquadra, para dar conta do dispositivo policial de onte, que non impediu a fuxida de Puigdemont.
O conselleiro en funcións defendeu que o operativo era "dimensionado", aínda que se abrirá unha investigación para analizar se houbo erros, mentres cargou contra quen tentou "desprestixiar" o pleno de investidura do Salvador Illa con "ataques inxustos e falsos".
Os Mossos defenden a súa actuación
O comisario xefe dos Mossos, Eduard Sallent, acusou a Carles Puigdemont e á súa contorna de non ser "leais" ao corpo ao tentar utilizalos para que a súa eventual detención "desestabilizase" o acordo para investir ao socialista Salvador Illa e afirmou que non aceptan ser unha "policía patriótica".
Sallent admitiu que onte non puideron deter a Puigdemont "por máis" que o tentaron e denunciou unha "verdadeira campaña de desinformación" por parte da contorna do expresidente catalán sobre o seu regreso a España. Asegurou que prepararan o dispotivo para facer o arresto no "momeno máis adecuado".
Sallent, que insistiu en negar calquera tipo de negociación con Puigdemont e a súa contorna para pactar a súa detención, cargou tamén contra os dous mossos d'esquadra que foron detidos por axudar ao líder de Junts a regresar a Barcelona e volver fuxir, o que considera "reprobable, inaceptable e unha afronta ao corpo": "Non merecen vestir o noso uniforme".
Sallent tamén dixo que seguen buscando a Puigdemont, porque non dan crédito á "desinformación" das persoas do seu entorno que aseguran que xa está fóra de España.
Afirmou que non teñen "ningún elemento obxectivo" que confirme que Puigdemont saíse de territorio español, xa que non dan "crédito" á "desinformación" por parte das persoas que lle acompañaron na súa fuga. "Ata que non teñamos a evidencia de que está fóra do alcance das nosas competencias, seguirémolo buscando para dar cumprimento á orde de detención", indicou.
O xuíz Llarena pide explicacións
O xuíz do Tribunal Supremo, Pablo Llarena, solicitou senllos informes aos Mossos d'Esquadra e ao Ministerio do Interior sobre o operativo policial planificado para a detención onte do expresidente da Generalitat, Carles Puigdemont, e sobre os elementos que determinaron o seu fracaso.
Un día despois de que Puigdemont, sobre quen pesa unha orde de detención nacional, aparecera en Barcelona para dar un discurso antes da sesión de investidura e lograra fuxir de entre os congregados, o maxistrado pediu explicacións a Interior e á policía catalá.
Quere saber o maxistrado quen eran os axentes responsables do deseño do operativo, os responsables da súa aprobación e a quen se lles encomendou a súa execución ou despregadura operativa, así como cal foi o operativo aprobado e disposto en fronteira e as posteriores ordes cursadas para detelo tras a súa fuga.
Tamén o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC) requeriu informes sobre o operativo planificado polos Mossos d'Esquadra antes de decidir se investiga o conselleiro de Interior e á cúpula da policía catalá.
Nunha providencia dá un prazo de dez días para presentar o informe antes de decidir se admite a trámite as querelas presentadas por Vox e a asociación ultra Hazte Oír.
Bolaños: "O operativo policial era responsabilidade dos Mossos"
O ministro español de Xustiza, Félix Bolaños, sinalou este venres que o operativo policial de onte ao redor da investidura de Salvador Illa e o retorno de Carles Puigdemont era "responsabilidade" dos Mossos.
"É un operativo policial que corría a cargo dos Mossos", que eran a policía competente, tanto para garantir a normalidade do pleno do Parlament como o cumprimento de "os mandatos do Supremo", lembrou Bolaños en referencia á orde de detención do expresidente catalán fuxido desde hai case 7 anos.
Bolaños, que fixo estas declaracións na embaixada de España en París, mostrouse satisfeito da nova etapa que se abre en Cataluña tras a investidura do socialista Slavador Illa.