Publicador de contidos
Publicador de contidos

Putin dirixirá mañá exercicios con mísiles balísticos e de cruceiro

Putin dirixirá mañá exercicios con mísiles balísticos e de cruceiro

O anuncio chega en plena escalada entre Rusia e Occidente sobre unha posible invasión de Ucraína

Ucraína di que a posibilidade dunha invasión rusa a gran escala é "baixa"

O presidente de Belarús alerta de que "a rexión está a punto dun conflito real" por vez primeira en décadas

Separatistas prorrusos en Donetsk anuncian evacuación "masiva" a Rusia

Separatistas de Lugansk tamén ordenan a evacuación de civís a Rusia

G24.gal 18/02/2022 11:43

O presidente ruso Vladimir Putin dirixirá mañá exercicios con mísiles balísticos e de cruceiro, no medio da escalada das tensións entre Moscova e Occidente, que teme unha invasión rusa tras a concentración duns 150.000 efectivos preto das fronteiras con Ucraína.

"O 19 de febreiro de 2022, baixo o liderado do comandante en xefe das Forzas Armadas rusas Vladimir Putin, levaranse a cabo exercicios previstos das Forzas de Contención Estratéxicas en que se lanzarán mísiles balísticos e de cruceiro", informou o Ministerio de Defensa ruso nun comunicado.

Ucraína dí que a posibilidade dunha invasión rusa a gran escala é "baixa"

O ministro de Defensa de Ucraína afirmou hoxe que a posibilidade dunha invasión de Rusia a gran escala é "baixa" malia as advertencias dos Estados Unidos e doutros países europeos dun eventual ataque "en días".

O ministro ucraíno tamén asegurou  que non hai unha retirada dos soldados rusos nas fronteiras co seu país e cifrou en 149.000 o número de militares.

O presidente de Belarús alerta de que "a rexión está a punto dun conflito real"

O presidente de Belarús, nunha comparecencia conxunta con Vladimir Putin, alertou de que por primeira vez en décadas a rexión "está a piques dun conflito real", do cal responsabilizou a Occidente. "Como ven, isto xa non depende mesmo dos nosos veciños, incluíndo a Ucraína. Para vostedes é evidente de quen depende a escalada de tensións xunto ás nosas fronteiras. Por primeira vez en décadas estamos ao bordo dun conflito que podería estenderse a todo o continente", alertou Lukashenko.

O presidente bielorruso acusou "unha serie de políticos occidentais" dunha irresponsabilidade e falta de intelixencia "que escapan á lóxica" e "un desexo enfermizo de camiñar ao bordo" do precipicio.

Separatistas prorrusos en Donetsk anuncian evacuación "masiva" a Rusia

Separatistas prorrusos de Donetsk, no leste de Ucraína, anunciou este venres o comezo dunha evacuación "masiva" da poboación a territorio ruso, ante o temor a un eventual ataque de Ucraína. 

O ministro de Defensa de Ucraína, Oleksii Reznikov, dixo hoxe que Kiev non planea ningunha acción violenta contra os territorios separatistas, porque aposta por unha solución pacífica ao conflito.

Separatistas de Lugansk tamén ordenan a evacuación de civís a Rusia

Os separistas de Lugansk  seguen os pasos da veciña Donetsk e ordenan amén a evacuación masiva de civís a territorio ruso polo temor dun ataque do exército ucraíno. "Co fin de evitar vítimas entre a poboación civil, chamo aos habitantes  a trasladarse canto antes a territorio de Rusia", declarou o líder da autoproclamanda república separatista.

O líder prorruso encargou á administración local, a policía e aos servizos de emerxencias garantir unha "evacuación organizada"  e axudar á poboación a trasladarse aos postos fronteirizos. "Rusia está disposta a garantir a entrada", engadiu.

O presidente de Rusia xa lle ordenou ao ministro de Emerxencias en funcións crear todas as condicións necesarias para acoller aos refuxiados procedentes de Donetsk e Lugansk, a rexión de Donbás, no leste de Ucraína, ante o agravamento dos enfrontamentos.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade