Publicador de contidos
Publicador de contidos

Quedan en liberdade o exasesor xurídico de Rubiales e o detido polas obras na Cartuja

Quedan en liberdade o exasesor xurídico de Rubiales e o detido polas obras na Cartuja

Ambos os dous detidos polos presuntos contratos irregulares na RFEF negáronse a declarar

Rubiales desmentiu que estea a tramitar a nacionalidade dominicana e xustificou a súa presenza no país caribeño por cuestións laborais

Tomás González Cueto, exasesor xurídico externo da RFEF, abandona o xulgado (EFE/ Javier Lizó)
G24.gal 22/03/2024 11:47 Última actualización 22/03/2024 13:11

A xuíza que investiga a presunta corrupción na xestión de Luis Rubiales á fronte da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) deixou en liberdade ao que foi o seu asesor xurídico externo, Tomás González Cueto, e a Ángel González Segura, relacionado coa empresa que realizou obras no estadio da Cartuja de Sevilla.

González Cueto e Gónzalez Segura quedaron libres sobre as 11:30 horas tras pasar este venres a disposición xudicial da titular do Xulgado de instrución número 4 de Majadahonda. Ambos os dous negáronse a declarar. 

Ambos foron detidos esta semana pola Garda Civil no marco da investigación por presuntos delitos asociados á corrupción nos negocios, a administración desleal e o branqueo de capitais entre 2018 e 2023, cando Rubiales estaba á fronte da RFEF.

Tomás González Cueto permanece investigado polos presuntos delitos de tráfico de influencias, corrupción nos negocios e administración desleal, mentres que Ángel González Segura estao polos supostos delitos de corrupción nos negocios, falsidade documental e administración desleal, precisou o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.

Os dous investigados argumentaron que a causa está secreta e que declararán cando os seus letrados teñan coñecemento do procedemento, o que ocorrerá en breve, engadiu o TSXM.

O exasesor xurídico externo da entidade (foi cesado este mércores) dixo ademais á xuíza que ao ser avogado da Federación está acollido ao segredo profesional e antes de ofrecer datos sobre os contratos investigados ten que consultar á entidade deportiva, precisaron fontes xurídicas. Unha vez que obteña esa dispensa declarará sen ningún problema perante o xulgado xa que está disposto a colaborar, engadiron as fontes.

A RFEF prescindiu este mércores dos servizos de GC Legal, o despacho de Cueto, á vez que apartou dos seus postos de traballo e funcións aos directivos relacionados coa causa xudicial.

Fíxoo tras a operación levada a cabo pola Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil no marco desta causa, na que se practicaron once rexistros e foron detidas sete persoas, das que cinco foron posta en liberdade.

A maxistrada e a Fiscalía Anticorrupción indagan en supostas irregularidades en contratos dos últimos cinco anos na Federación, no marco da causa onde se investiga desde xuño de 2022 o contrato para o traslado da Supercopa a Arabia Saudita asinado por Rubiales co empresario e exfutbolista Gerard Piqué, administrador da empresa Kosmos. O contrato foi redactado polo despacho do asesor xurídico externo da RFEF, Tomás González Cueto, un dos homes de confianza de Rubiales.

Pola súa banda, Ángel González Segura é arquitecto e representante de Gruconsa, a empresa que se ocupou das obras no estadio da Cartuja, en Sevilla, para albergar partidos da Eurocopa 2020 e as finais de Copa do Rei ata 2024. É irmán de Pedro González Segura, outro dos detidos e director xeral de Servizos Xurídicos da Federación.

O expresidente da Federación Luis Rubiales atópase na República Dominicana desde hai case dous meses e este mércores remitiu un escrito á maxistrada poñéndose "a plena disposición" do xulgado e anunciando que ten billete de volta o 6 de abril.

Rubiales desmentiu que estea a tramitar a nacionalidade dominicana e xustificou a súa presenza no país caribeño por cuestións laborais, despois da inhabilitación polo bico non consentido á internacional Jenni Hermoso.

"O da nacionalidade dominicana é falso. Que parte non se entende de que estou a gañar a vida aquí? Estou a traballar aquí. Estou máis aquí que en España. Estou a tentar xerar recursos porque teño unha familia", dixo o directivo en declaracións a Europa Press.

"Pedín ao xulgado adiantar a miña volta para cando mo pidan", apuntou a Europa Press nunha mensaxe de WhatsApp.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade