Queixas do dono e de usuarios dun cámping de Barreiros polos ruidos que causa un bar
Queixas do dono e de usuarios dun cámping de Barreiros polos ruidos que causa un bar
Din que o volume da música do bar impide que poidan descansar
Fixeron unha concentración de protesta improvisada
A música a alto volume e as palabras dun DJ neste bar de praia provocaron unha pequena rebelión dos usuarios do cámping da praia de Coto, en Barreiros. O ruído impedíalles descansar e por iso cortaron a estrada para impedir que máis xente participase no evento. Finalmente foi precisa a intervención da Garda Civil.
"Non pasou nada, pero houbo protestas e decidimos chamar a Garda Civil para que non fose a máis", di Celso Dourado, dono do cámping.
O ruído provocou as queixas dos usuarios, que acudiron ao cámping coa intención de descansar e relaxarse e atoparon a festa improvisada. Unha situación que provocou perdas económicas aos propietarios do cámping.
"Un cliente alemán marchou polo ruído e non lle cobramos. E houbo moitas reclamacións".
E é que conciliar as ganas de troula coas ganas de descanso é o problema que se creou entre os clientes do bar de praia e os usuarios do cámping, e a solución non semella doada.
En declaracións á Radio Galega, os xerentes do bar de praia lembraron que dispoñen de todos os permisos para realizar actividades musicais e que en ningún momento excederon os horarios establecidos.