Publicador de contidos
Publicador de contidos

Queixas dos afectados pola inmobilización de 66.000 Citroën C3 e DS3

Queixas dos afectados pola inmobilización de 66.000 Citroën C3 e DS3

O fabricante advirte dun defecto grave nos airbag dos modelos fabricados entre 2009 e 2019

Os afectados quéixanse do tempo de agarda para a reparación e a falta de coches de substitución

G24.gal 29/05/2024 14:41

Divina veu traballar a Melide no coche duns compañeiros. O seu, un C3 do ano 2010, está inmobilizado na casa desde que recibiu unha carta da Citroën pedíndolle que deixase de conducilo.

"A última carta di que conducir con el é un risco para a miña vida, que o deixe inmediatamente. Xa anteriormente nos mandaran dúas cartas de aviso, a última en marzo, dicindo que había un problema de seguridade e que ían ter que cambiar o airbag", explica.

Xa daquela solicitou a reparación gratuíta no seu concesionario máis próximo, pero as pezas non chegaron aínda e tampouco teñen coches de substitución para os afectados. O defecto afecta a 66.000 coches C3 e DS3 en toda España.

"Estou dobremente indignada. Por unha banda, levo 14 anos conducindo un coche e agora dinme que é tan perigoso que non podo nin movelo da casa. Por outra, fas as xestións que piden, chamas a todas partes e non che ofertan coche de substitución nin saben dicir unha data concreta de reparación", lamenta.

Desde a OCU recomendan seguir os pasos que indica a carta, e que soliciten un código en liña para poñerse na lista de agarda. Mentres non chega a reparación, terían dereito a unha solución de mobilidade alternativa.

"Citroën debería facerse cargo de indemnizalos. Seguramente non poida poñer un segundo coche para todos os clientes afectados, pero penso que poderían reclamar. Outra cousa importante é saber canto tempo de espera van pasar privados do coche mentres Citröen cambia o airbag", explica o voceiro da OCU Kepa Loizaga.

Dereitos que Divina reclama indignada, sen saber tampouco quen vai pagar os gastos do guindastre que, chegado o momento, traslade o seu coche ao taller.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade