Queixas dos usuarios dun aparcadoiro no centro de Ferrol
Os condutores denuncian o abandono e as máis de 300 fochancas do estacionamento de Sánchez Aguilera
Os usuarios do aparcadoiro Sánchez Aguilera de Ferrol denuncian o mal estado do firme e as consecuencias que ten para os seus vehículos. Centos de fochancas fan practicamente impracticable o estacionamento gratuíto máis grande do centro da cidade departamental.
O principal aparcadoiro disuasorio da cidade conta con máis de 300 fochancas e afundimentos que imposibilitan unha circulación normal aos condutores que o utilizan habitualmente. Algúns, se poden, mesmo intentan esquivalo para evitarlle problemas aos seus vehículos.
Cada pouco tempo dende hai moitos anos faise un certo mantemento e recheo das fochancas, pero os usuarios piden solucións a longo prazo e non máis "parches".
Dende o Concello ferrolán aseguran que ata que finalice o plan de reurbanización da zona non se pode facer moito máis que pequenas obras de reparación, pero non precisan se se farán ou non antes da Semana Santa, cando a cidade recibe milleiros de visitantes.