Queixas na parroquia pontevedresa de Cerponzóns polo mal servizo de Correos
Queixas na parroquia pontevedresa de Cerponzóns polo mal servizo de Correos
Hai cartas que nunca chegan e reciben as doutros veciños ou con enderezos distintos
Piden que o Concello renumere as vivendas para favorecer o traballo dos carteiros
O que espera, desespera! E en Cerponzóns, unha parroquia de Pontevedra, pásalles coas cartas.
"Déixannos cartas que non son nosas, que son de veciños, ou que teñen outros apelidos e despois témonos que encargar nós de facer chegar esas cartas ás persoas correspondentes".
"Deixárona noutro sitio alá en Meá. Poden ser de Coruña, do médico".
O mesmo faltan citas médicas, notificacións de Facenda ou multas da DXT.
"Unha veciña recibiu unha carta dunha multa de cen euros que tiña bonificación de 50 euros por recibila tarde tivo que pagar os 100 euros", pon como exemplo Juan José Esperón, secretario da Asociación de Veciños O Chedeiro.
"Ademais do trastorno por non recibir esa correspondencia, que tes que averiguar a información por outro lado, á xente tamén lle molesta que están facilitando información privada de xente en caixas de correo alleas e sabes que os teus datos están por aí nalgunha parte", engade Liliana Casás, presidenta do Chedeiro.
A Pidre chegan as cartas de Pedre, unha aldea de Cerdedo-Cotobade. A asociación de veciños pon o foco en Correos, xa sexa na repartición ou na clasificación das cartas, pero tamén piden que se mellore a numeración.
"Tal e como está feita a numeración por parte do concello, non facilita o traballo dos carteiros, nin aos de Correos nin a outros repartidores", lamenta a presidenta da asociación de veciños.
Correos reuniu os carteiros da zona e realizou un control interno. Aseguran que foi un problema puntual e que está resolto. Haberá que esperar a ver quen recibe a próxima multa.