Residentes dun edificio de Lugo quéixanse da proximidade dunha fogueira de San Xoán
Residentes dun edificio de Lugo quéixanse da proximidade dunha fogueira de San Xoán
A cacharela, situada a uns cen metros de distancia, conta con todos os permisos
Recoméndanlles aos afectados que pechen as ventás para que non lles entre o fume
A do barrio de Montirón é unha das fogueiras de San Xoán con maior tradición na cidade de Lugo. Así e todo, e malia estar instalada a uns cen metros de distancia das vivendas máis achegadas, este ano parte da veciñanza critica a proximidade da cacharela aos seus fogares.
Trátase dalgúns dos residentes nun edificio de nova construción, que se queixan de que o fume poida entrarlles na casa.
"As queixas veñen basicamente pola situación, polos materiais e polo tamaño da cacharela. Comentan que hai madeiras con vernices, ademais de táboas con puntas que poderían quedar aí", di Diego Rodríguez, administrador da comunidade de propietarios.
Pola súa parte, dende a asociación Irmáns Pedrosa, que organiza a cacharela, recoméndanlles aos afectados que pechen as ventás para que non lles entre o fume.
"Hai veciños que o entenden mellor e outros que en desacordo, pois temen que o fume manche a fachada. É dicir, que a pesar de que se pechen as fiestras, poida seguir xerando problemas", asegura o administrador da comunidade.
O bloque de vivendas onde residen os veciños que se queixan chámase precisamente edificio praza de San Xoán.