Publicador de contidos
Publicador de contidos

Queixas polo lixo sen recoller no Montealegre despois dos magostos

Queixas polo lixo sen recoller no Montealegre despois dos magostos

A imaxe de botellas e envases tirados repítese cada ano

G24.gal 14/11/2022 14:38

Falar de magostos en Ourense é falar do Montealegre. O lugar elixido por moitos para as xuntanzas estes días coa familia e os amigos. Son os máis os que non deixan rastro do seu paso por aquí, pero tamén é certo que hai outra imaxe que se repite ano tras ano. 

"Demóstrase un pouco o incivilizados que somos a hora de facer a festa, de reunirnos. Non sei, é que isto é inexplicable, e é todos os anos igual, tampouco ninguén pon remedio a este tema, porque eu acostumo vir bastante por aquí e sempre despois dos Magostos, sempre acontece o mesmo", comenta un veciño.

O lixo amoréase nalgunhas das zonas máis altas e de acceso máis sinxelo. Dende botellas ou tetra briks, ata restos de comida ou calquera tipo de recipiente. 

"Considero que isto é moi grave. Temos os montes máis bonitos de aquí, da provincia e que os deixemos así a min paréceme un delito, pero cada ano aquí nestas zonas déixano igual. Mire como está agora, isto é unha repetición do que fan aquí cada ano. Porén teño que dicir que de aquí para abaixo, ata Ourense, deixárono todo limpiño. Debe de ser outra xente", apunta outro veciño da zona.

Son centos de persoas as que achegan o Montealegre a fin de semana dos magostos.

"Nós estivemos o venres e o sábado. O venres limpamos un pouco, baixamos lixo. Agora vimos limpar un pouco máis pero hai demasiado lixo para dous que somos".

"Tentamos que cada quen baixe o seu pero se a xente non o baixa non hai nada que facer".

De feito durante esta semana son moitos que se achegan ata aquí con grupos de voluntarios para limpar a zona despois dos magostos. Fano os veciños, os colexios, a universidade e tamén grupos ecoloxistas que apelan a responsabilidade cidadá. 

"Todos os anos pasa esta situación, que cando se fai un magosto queda despois convertido nun vertedoiro, máis que nada por falta de sensibilización e de concienciación ambiental, porque da mesma maneira que se fai unha fogueira pode facer un lugar para recoller todo o lixo que se xenera", explica Ángel Dorrío, da asociación ecoloxista Amigos da Terra.

E apuntan algo máis, apelan a responsabilidade das administracións. E lembran que o lixo supón non só un dano evidente para o monte e o medio ambiente, senón tamén un perigo de cara a futuros incendios forestais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar