Quen manda en Europa?, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Quen manda en Europa?, por Venancio Salcines
A Europa que coñecemos é unha entidade política de liderado compartido. Os españois sabemos que aínda que somos quen de sentar na mesa dos catro grandes, rara vez somos quen de elixir os pratos que se irán servir. A Italia ocórrelle o mesmo, pero como leva mais tempo sendo parte do club, rara vez alguén ignora as súas preferencias. Cal é, entón, o problema? Que Alemaña non se sente como un par de Francia e esta última quere demostrarlle que ou se mantén o matrimonio franco-alemán ou non hai futuro, en Europa, para ninguén.
O certo é que Alemaña se sente ameazada e ten tomada a decisión de liderar, a peito descuberto, Europa. O Viceministro de Defensa, dicía na Toxa, hai pouco máis dun mes, que tiñan pensando investir cen mil millóns en defensa, e con iso situarse como o epicentro da industria militar europea. Días despois anuncia, sen avisar a Francia, a creación dun escudo antimísiles, é dicir, xa mostra os primeiros pasos do novo sector militar alemán. E con iso, fai algo máis, indícalle á industria bélica francesa que se bote un lado, que chega Berlín. Asemade, aproban un plan de axudas empresariais de douscentos mil millóns. Axudas de empresa imposibles de igualar para o resto das nacións da Unión. Dito doutro xeito, incorpora a competencia desleal no marco europeo.
Ante este novo marco, Francia teno claro, a enerxía nuclear é miña, pensa. Eu teño a electricidade que a Unión require, para que queren gas a través dos Pireneos? para que deixen de mercar a miña electricidade? para iso, non. Para facerlle un favor a Berlín, pero en que momento desta crise Alemaña pensou en París? Xa sabemos que o hidróxeno é intensivo en enerxía, polo tanto ou se fai verde, alimentado por renovables, ou non se fai. Certo. Pois que merquen a miña e con ela alimenten as súas plantas de xeración. O que non imos facer é permitir que a fotovoltaica española, a máis potente, sexa o pai dunha nova fonte enerxética. Con todo, aceptaron unha obra, unha conexión Barcelona-Marsella, que está en cueiros, sen presuposto e sen debate completo. Macron tranquilizou a Berlín e a Madrid cun novo proxecto. Xa se verá cando se fai, e diso os galegos sabemos moito. Ninguén poden explicarnos o que é unha promesa incumprida.