15 anos do accidente de Spanair que deixou 154 mortos en Baraxas
15 anos do accidente de Spanair que deixou 154 mortos en Baraxas
A maior traxedia aérea en España no século XXI marcou un antes e un despois na seguridade aérea
Unha sucesión de equivocacións e de fallos causou o sinistro cando o aparello que ía realizar o traxecto entre Madrid e As Palmas engalaba
Flores e poemas lembran este domingo as vítimas con homenaxes en Madrid e Gran Canaria
Quince anos atrás, o 20 de agosto de 2008, o voo JK-5022 de Spanair, que realizaba o traxecto entre Madrid e As Palmas, esnafrouse no aeroporto de Baraxas pouco despois de engalar. O tráxico accidente deixou 154 falecidos e 18 sobreviventes feridos, moitos con graves secuelas.
Como cada ano desde aquela, a Asociación de Afectados do Voo JK-5022 celebra este domingo actos e ofrendas florais en Madrid en Gran Canaria en lembranza das vítimas do accidente, unha das traxedias aéreas máis graves rexistradas en España.
"Houbo fallos en todas as barreiras de seguridade", concluía no seu informe a comisión de investigación que se creou 13 anos despois no Congreso, un documento ratificado en pleno por 219 votos a favor e 121 en contra.
O accidente produciuse por unha sucesión de erros que fixo que todas as medidas de seguridade fallaran, segundo o informe. Destaca que os sistemas de asistencia e seguridade non funcionaron nin antes, nin durante nin despois do accidente, o terceiro máis grave da historia da aviación española.
Tamén se refire a distintos fallos técnicos do Boeing MD-80, entre eles a prórroga sen inspección previa do permiso do aparello, así como dos falps e slaps (dispositivos nas ás que sustentan o avión no aire) e da alarma TOWS (sistemas de aviso na engalaxe).
Accidente brutal pero evitable
Dous meses despois da traxedia aprobouse a creación da Axencia de seguridade Aérea que a asociación de vítimas considera "unha fraude" porque asegura que o único que se fixo foi converter en axencia a dirección xeral de Aviación Civil existente.
As familias tamén consideran decepcionante a investigación da comisión de Investigación de Accidentes de Aviación Civil que considerou en 2019, un ano despois da catástrofe, que a causa principal do accidente foi un erro humano.
Tras unha década de loita, ata lograr que se abrira unha comisión de investigación no Congreso, o seu ditame foi radicalmente diferente. No informe critícase o papel de Boeing, fabricante do aparello, xa que con anterioridade ao accidente do JK-5022 houbo outros 72 accidentes e incidentes graves causados pola falta de aviso do sistema TOWS, o mesmo fallo que propiciou a traxedia de Baraxas.
O Colexio Oficial de Pilotos destaca que o máis relevante da comisión parlamentaria foi a "constatación de que o accidente non se debeu só ao erro humano, senón que houbo fallos sistémicos e de organización".
Causa xudicial pechada
A aeroliña Spanair crebou en 2012 e a causa xudicial pechouse hai once anos, pero a Asociación de Afectados do Voo JK-5022 mantén a súa loita para que se eliminen os atrancos no sistema de aviación civil e para que se recoñezan os dereitos dos afectados por accidentes aéreos.
O ditame do Congreso tamén considera que o plan de emerxencia de Aena no aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Baraxas non funcionou correctamente, activándose de maneira tardía o día do sinistro. Por iso, sinala que no accidente de Spanair fallaron "todas as barreiras de seguridade".
Algúns avances na seguridade aérea
Despois deste accidente, que marcou un antes e un despois no ámbito da seguridade aérea en España, o Parlamento Europeo aprobou en 2010 a obriga das aeroliñas de facilitar a listaxe de pasaxeiros nun máximo de dúas horas en caso de sinistro, a pedimento de España, e a obrigatoriedade dun plan de asistencia.
Esta reivindicación levárona as familias a Europa, tras as máis de 37 horas de angustiosa espera por coñecer a lista de pasaxeiros de Spanair. A compañía, xa desaparecida, non lle la facilitou.
En España, aprobouse en agosto de 2013. Ademais do Programa Estatal de Seguridade Operacional para a Aviación Civil (PESO), España aprobou en maio de 2014 o Protocolo de Coordinación para a asistencia ás vítimas de accidentes aéreos e os seus familiares.
Tamén se creou unha Rede Europea de Autoridades de Investigación sobre a Seguridade da Aviación Civil e emitíronse ata 31 recomendacións por mor do informe final da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (CIAIAC) que incluía un total de 33.
España xa está ao día coas recomendacións da Organización de Aviación Civil Internacional (OACI) tras o accidente de Spanair de 2008. En canto a seguridade, nos anos transcorridos desde o accidente, Aena investiu 117 millóns de euros en seguridade en Baraxas, cun novo sistema de freado de emerxencia en pistas, novo radar de superficie, un cuarto parque de bombeiros, novo protocolo de comunicación con torre e servizos médicos e melloras en pavimento e aplanamento de terreos, e realizáronse 580 simulacros entre totais e parciais.