Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cando fai 14 anos do accidente Spanair, as vítimas denuncian o bloqueo da investigación

Cando fai 14 anos do accidente Spanair, as vítimas denuncian o bloqueo da investigación

Apuntan á presidenta do Congreso por non enviar á Fiscalía o ditame da comisión

Ofrendas florais, música e poemas na homenaxe aos 154 falecidos

G24.gal 20/08/2022 20:55 Última actualización 20/08/2022 21:03

Cando fai 14 anos do accidente de Spanair en Baraxas, os afectados seguen buscando xustiza e que se depuren responsabilidades. Denuncian o bloqueo político á investigación e apuntan directamente á presidenta do Congreso por negarse a enviar á Fiscalía do Estado o ditame da comisión de investigación do accidente.

"A miña filla con 41 anos, o meu xenro con 41 anos, os meus netos, un con 13 e outro con 5, toda a familia".

Pepi Murillo está a tratamento desde aquel 20 de agosto de 2008, cando o avión de Spanair se esnafrou no aeroporto de Baraxas e perdeu catro membros da súa familia. Este sábado visitou, xunto a outros afectados o mesmo lugar onde se produciu o accidente, e participou nas homenaxes celebradas no parque Xoán Carlos I de Madrid, fronte á placa que lembra as vítimas, e na terminal 2 do aeroporto madrileño. Aquí a ofrenda floral realizouna un dos 18 sobreviventes xunto a membros da asociación de afectados.

A súa representante, Pilar Vera, mostrou a súa frustración pola negativa da presidenta do Congreso dos deputados de enviar á Fiscalía o ditame da comisión de investigación en que se apunta á presunta responsabilidade de 18 cargos políticos vinculados ao Ministerio de Fomento.

"É que esta señora presidenta do Congreso había que denunciala por prevaricación, esta señora tomou unha decisión sabendo que era inxusta".

Homenaxe tamén na praza da Memoria das Palmas de Gran Canaria.

"Sobre todo pelexamos porque unha traxedia coma a nosa non volva pasar, e iso é traballar polo ben común e pola seguridade dos vivos", explica Federico Sosa, vogal da asociación.

Se o ditame non chega á Fiscalía e non se abren dilixencias, aos afectados só lles queda a vía xudicial, co gasto que iso implica. Con todo, din que seguirán buscando xustiza e reparación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade