O Racing salva un empate en inferioridade (1-1)
O Racing salva un empate en inferioridade (1-1)
Jauregi e Enric Gallego marcaron os goles no primeiro cuarto de hora
O Tenerife soubo cortar o xogo racinguista con moitas faltas
Os de Cristóbal defenderon o empate nos últimos minutos logo da expulsión de Puric
Empate entre o Racing e o Tenerife (1-1) nun partido en que os goles se viron ao principio. O equipo visitante, último clasificado na Segunda, conseguiu crebar o ritmo local a base de faltas (fixo 20) e case aproveita os últimos dez minutos, nos que xogou cun home máis.
O comezo do partido resultou trepidante. O Racing debruzouse sobre a porta do Tenerife con accións a balón parado, Naldo e Puric avisaron, nas que xerou moito perigo. Jauregi tamén tivo a súa oportunidade, pero foi o Tenerife o que conseguiu o gol cun gran remate de Enric Gallego.
Era o minuto trece, e dous minutos máis tarde o Racing conseguía equilibrar o resultado co quinto gol da temporada do dianteiro Jauregi.
Dun ritmo de vertixe pasamos a unha gran calma que só rachou o equipo visitante cun lanzamento de Luismi Cruz. No segundo tempo continuou ese ritmo lento de xogo que impedía fabricar xogadas de perigo. Sergio González tivo unha moi clara para o Tenerife. Manzanara e Puric, sempre na bóla parada, inquietaron a porta visitante.
No minuto 85 Puric viu o segundo cartón amarelo e tocoulle ao Racing sufrir. O Tenerife sabía que era o seu momento no partido pero Jesús Ruíz estivo moi atinado rexeitando dous disparos de Luismi Cruz, o xogador tinerfeño máis perigoso.