Rajoy, tallante contra a amnistía: "É unha emenda á totalidade aos valores da democracia liberal"
Rajoy, tallante contra a amnistía: "É unha emenda á totalidade aos valores da democracia liberal"
O expresidente dialoga no Foro Vínculo Atlántico da Toxa co exmandatario chileno Sebastián Piñera
Mariano Rajoy protagonizou por quinta vez unha das análises da actualidade do foro, desta volta con Sebastián Piñera. O expresidente popular sinalou que a defensa das democracias liberais é un dos principais desafíos, e advertía dalgún risco concreto, ao fío da investidura.
"Unha decisión que de momento non nos consta que se tomase, pero que me pon moi nervioso. A amnistía é unha emenda á totalidade dalgúns dos aspectos máis importantes da democracia liberal: a igualdade e os Estado de Dereito", afirmou Rajoy.
Rajoy tamén dixo que o populismo é perigoso por contaxioso, un diagnóstico que comparte o expresidente chileno. "Qué é o populismo? Prometer cousas que fracasaron no mundo enteiro, que saben que non poden cumprir, que van ser pan para hoxe e fame para mañá", explicou Piñera na súa intervención.
Previamente o foro abordara a importancia da xestión dos datos e da intelixencia artificial. Entre os relatores, o conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, quen salientou o peso da información na toma de decisións: "Nós consideramos que nas nosas case 6.000 tendas temos 6.000 conselleiros delegados. Cada director de tenda ten que estar tomando decisións continuamente, e para ese proceso a información é clave".
Tamén a liberdade de expresión se analiza na Toxa. Esta tarde os expertos abordarán as regras fiscais de Europa.