Reabre ao tráfico, tras un ano de obras, a rúa do Santo André da Coruña
Os comerciantes confían en poder agora recuperar os seus clientes
Día de festa na Coruña coa reapertura ao tráfico da céntrica rúa do Santo André. "Xa era hora". "Non o cremos". "Quedou moi ben. Iso de humanizar as rúas, a min gústame".
Atrás deixan un pesadelo que durou un ano enteiro. "Foi moi duro: ruídos, po, non sabías por onde tiñas que camiñar".
E as peores consecuencias foron para os pequenos empresarios, que viron reducidas as súas vendas de xeito notorio.
"As vendas reducíronse un oitenta por cento". "Houbo comerciantes que tiveron que pechar, non aguantaron todo un ano coas obras e sen clientes".
Porén agora confían en que, tras estas melloras nas que se investiron 3,2 millóns de euro e recuperar a esencia como bulevar, os seus negocios rexurdan. "A ver se agora que temos as beirarrúas anchas, a xente dáse conta de que a rúa do Santo André existe".
Desde este xoves a rúa do Santo André xa está aberta ao tráfico, coa excepción dos autobuses urbanos, que non recuperarán os seus traxectos por alí ata o vindeiro xoves.