Os novos radares instalados en Galicia xa multan tras un mes de avisos
Dos 24 novos radares instalados a primeiros de ano en España, 7 están en Galicia
Oleiros, Carballo, Teo, O Vicedo, Pontecesures, Maceda e Ourense, son os concellos onde están situados os novos dispositivos
"Dende que viñeron e puxeron iso aí parece que van a máis, non sabes?, van a máis así"; "Poste un pouco aí e lévante para adiante"; "Cando lles cheguen ao peto verás como lles pisarán menos aos coches", comentan varias persoas que viven ao carón dos radares.
Dos 24 últimos radares que se instalaron en España, 7 están en Galicia. Levan un mes funcionando e agora é cando empezan a multar de verdade.
"Eu pensaba que aínda non; si?, pois algún hache de caer ben"; "Algún que aínda non sabe que tal, xa o saberá cando lle chegue"; "Si, avisaron que durante un mes sería disuasorio, pero agora xa é real"; "E as motos pensan que non as collen, e aí saen todos".
Destes 7 radares novos, 3 están na provincia da Coruña, dous na de Ourense, e outros dous en Lugo e Pontevedra. Son un intento máis de reducir a sinistralidade, que aumentou en Galicia durante o ano pasado. 89 persoas faleceron en accidentes de tráfico, algunhas onde se instalaron os novos dispositivos.
"O portal ese rompérono, que houbo que poñelo novo e é de ferro, así que imaxina como quedou o coche", relata unha muller de Teo á que lle esnaquizaron o portal nun accidente de tráfico.
As persoas que viven ao pé de estradas con moita densidade de tráfico son as que máis agradecen que se instalen estes dispositivos.
"É tremendo para cruzar dun lado ao outro, porque tes que ter moito coidado; vén algún moi mangado, e cando te decatas xa te colle"; "Eu xa non me atrevo, xa son máis vella e xa non me atrevo nin saír andar nin pola beira, nin falar, porque isto é tremendo e hai horas puntas que é peor", apunta un matrimonio de Teo.