A rede viaria recupera a normalidade despois dunha xornada de incidencias pola neve
A rede viaria recupera a normalidade despois dunha xornada de incidencias pola neve
Restablecido o tráfico na bifurcación O Burgo-Santiago, que afectaba aos trens que circulaban entre A Coruña e Betanzos-Infesta
Na provincia de Ourense hai aviso amarelo por vento con refachos que superaron os 100 quilómetros por hora en Manzaneda
Escolas afectadas
As dificultades para circular provocaron a imposibilidade de chegar a varios centros educativos da provincia de Lugo, tanto en transporte escolar como por parte do profesorado e o alumnado.
Concretamente, víronse afectados os seguintes centros: CPI Uxío Novoneyra do Courel, Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro, CEIP Concepción López Rey de Baleira no Cádavo, CEIP Plurilingüe Santa María da Fonsagrada, IES Fontem Albei da Fonsagrada e CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela.
Incidencias en Ourense pola neve
A neve tamén cubriu os cumios da provincia de Ourense. As folerpas caeron con forza, sobre todo durante a mañá, tanto no Macizo Central como no oriental. Nas aldeas situadas por riba dos mil metros o traballo das quitaneves foi fundamental.
A neve cubriu as montañas do centro e do leste da provincia de Ourense e obrigou a traballar arreo as quitaneves en zonas de alta montaña como Chandrexa de Queixa. O seu alcalde Francisco Rodríguez subliñaba que tiveron que limpar un 80 quilómetros de estradas que dan acceso ás distintas aldeas. Na rede viaria principal non houbo maiores complicacións.
Os termómetros caeron ata os catro graos baixo cero tanto na Veiga como en Manzaneda. A pesar da friaxe, moitos acudiron a gozar da neve. A estación de montaña de Manzaneda, pechada polos fortes ventos e a chuvia, reabrirá este martes novamente para a práctica do esquí tras unha xornada en que estiveron acondicionando as pistas.