Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reabre con polémica un coñecido 'after' no barrio lugués da Milagrosa

Reabre con polémica un coñecido 'after' no barrio lugués da Milagrosa

A policía acudiu xa a primeira noite, ao rexistrarse unha pelexa cunha muller ferida

Félix Aragunde 26/08/2024 12:40

Tras case quince meses pechado por acumular infraccións, volveu abrir o polémico after da rúa Tui, no barrio lugués da Milagrosa. E, tal como temían os residentes na zona, fíxoo de novo con molestias para a veciñanza.

Ás poucas horas da súa reapertura rexistrouse unha pelexa ás portas do local, en que se viu involucrada unha parella de mediana idade.

Ao presenciaren a liorta, os veciños alertaron a policía, que tivo que acudir ata o lugar. Tamén foi requirida unha ambulancia, que atendeu unha muller que resultou ferida.

A actividade do establecemento fora clausurada de forma cautelar polo Concello en maio de 2023, tras protagonizar incidentes de todo tipo durante máis de 15 anos.

Ademais das continuas molestias para as vivendas da contorna, no negocio rexistráranse redadas antidroga ou agresións con arma branca. Por esta razón, dende a plataforma SOS Milagrosa esixen explicacións ante a súa reapertura.

"Se de 2007 a 2023 existe unha lista de expedientes por incumprimento do titular, non ten lóxica que se ese titular volve pedir unha licenza de apertura no pleno non se vote para que non se lle conceda", asegura Fernando Toubes, voceiro da plataforma.

Dende a asociación cidadá aseguran que o problema é agora aínda máis grave que o ano pasado, xa que no mesmo barrio hai outro local que funciona como un after e que tamén está a acumular queixas veciñais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade