Varias árbores ameazan con caer á estrada na Ribeira Sacra
Varias árbores ameazan con caer á estrada na Ribeira Sacra
Veciños de Nogueira de Ramuín quéixanse do perigo que supoñen varias árbores que levan meses secas e en risco de caída sobre a antiga estrada nacional 120
Piden que se tomen medidas antes de que haxa un accidente
Os cables da rede eléctrica e máis do teléfono son o único apoio dunha árbore de máis de cinco metros de altura, que ameaza con precipitarse sobre a antiga nacional 120, á altura da parroquia da Carballeira, en Nogueira de Ramuín. Aseguran os veciños que leva así arredor de medio ano.
"Non vou dicir sete meses, pero cinco dou constancia. E non é a primeira que teñen que retirar; xa quitaron outra no camiño de Casuxeto", sinala Montse, veciña do Val, na parroquia da Carballeira.
Uns quilómetros máis alá, en Penalba, outra árbore caída fai equilibrios sobre as canas dun eucalipto.
"Tíñano que cortar, porque xa leva polo menos un ano por riba dos eucaliptos. Está podre e calquera día cae á estrada", di outra veciña.
Lembran os veciños que aínda pouco hai que levaron un bo susto con outra árbore que acabou caendo malia as advertencias que fixeran no concello.
"Caeu e non nos matou de milagre, porque era unha árbore enorme. Viñeron, pero xa caera". "Que alguén se faga cargo de que teñamos a Ribeira Sacra ben, para os turistas e para os que vivimos aquí todo o ano", explican.
Esperan que se adopten medidas antes de que volva o mal tempo e aumente o risco de caída.