Recollida masiva de lixo para concienciar sobre a protección da natureza
Recollida masiva de lixo para concienciar sobre a protección da natureza
Un milleiro de voluntarios e voluntarias súmanse en Galicia ao proxecto Libera contra o lixo na natureza
Promoven a recollida dun metro cadrado por persoa, en vésperas do Día Mundial do Medioambiente
Primeiro recollen e despois recontan, porque a finalidade deste proxecto é tamén facer inventario de cal é o tipo de lixo máis abundante en cada zona. Este sábado, en Galicia, a actividade desenvólvese en 61 puntos.
En Verín, nada máis cruzar a estrada, antes incluso de acceder á area recreativa, o voluntariado xa enche medio saco de lixo. Todo nunha cuneta que, aparentemente, estaba limpa.
"Moitos plásticos, en anaquiños porque non se desfán. Pero tamén atopamos arames, latas... incluso unha zapatilla. Que non sei como iría o pobre coa outra zapatilla!", explica unha voluntaria.
Distribúense por zonas. Uns percorren as ribeiras do río Támega, os outros, peitean unha superficie dunha hectárea inventariando todo o que se recolle, información destinada a unha base de datos do Ministerio de Transición Ecolóxica.
"Que residuos son os máis xerados, para concienciar a xente. Por exemplo, hai demasiado plástico", explica un voluntario.
O lema desta campaña é un metro cadrado contra o lixo na natureza.
"O metro cadrado é ese metro cadrado simbólico que todos podemos limpar e, sobre todo, non manchar. Do que se trata non é só de concienciar, senón tamén de formar parte da solución dun problema que nos atinxe a todos", di Ángela Ramallo, responsable de Medio Ambiente da Cruz Vermella en Ourense.
O proxecto Libera desenvólvese en toda España, con vinte mil voluntarios traballando simultaneamente.