Redondela tamén celebra o San Martiño coa súa feira cabalar
Redondela tamén celebra o San Martiño coa súa feira cabalar
A feira ten a súa orixe no século XVI
Ourense é a patria grande do San Martiño, cos seus magostos, pero non a única. De feito, vilas mariñeiras como Redondela tamén o homenaxean con viño e castañas. Tras a pandemia, volveu unha das feiras máis antigas deste día en Galicia, a tradicional feira cabalar de Francos en Teo, con moito raizame, porque non hai tanto as cabalerías eran usuais nas casas para traballo e mobilidade.
O San Martiño reina en Teo desde a pasada fin de semana, pero hoxe foi o día grande, coa súa tradicional feira cabalar na carballeira de Francos que busca a declaración de Festa de Interese Turístico.
Ao caer entre semana, a afluencia foi menor, pero aínda así, houbo concorrencia porque había dous anos que non se celebraba e había ganas de saír, de tentear o mercado, de comer polbo e de atopar produtos do campo, de proximidade e de calidade.
Algúns láianse de que viviu tempos mellores xa que na súa orixe, datada no século XVI, era sobre todo feira de gando. Hoxe a oferta de cabalos e burros rozaba o cento de exemplares.
E xustamente os maiores foron canda os pequenos os que máis gozaron do San Martiño en Redondela, co magosto popular e un serán de música tradicional. Ben abrigados e con máscaras, arestora xa estarán botando unha peza nunha gran verbena. Aquí tamén había ganas.