Publicador de contidos
Publicador de contidos

A veciñanza de Redondela recrea a cruenta batalla de Rande de 1702

A veciñanza de Redondela recrea a cruenta batalla de Rande de 1702

Dende hai once anos interpretan as personaxes históricas que moveron os fíos daquel enfrontamento

Foi unha contenda sanguenta na enseada de San Simón na que loitaron unhas 20.000 persoas

G24.gal 19/10/2024 21:39 Última actualización 19/10/2024 22:06

A contorna e o interior do museo de Meirande serviron este sábado de escenarios múltiples onde se representaron distintos episodios da batalla de Rande en 1702.

A veciñanza de Redondela interpreta desde hai once anos, cada outubro, as personaxes históricas que moveron os fíos daquel enfrontamento sanguinario no mar.

Os actores, coordinados pola Asociación Cultural de Rande, prepáranse para ir saíndo a escena. Nun camarote do interior do museo de Meirande, o Príncipe de Barbanzón, o gobernador de Galicia, ordena a españois e franceses descargar os galeóns cheos de ouro e prata das Américas. É outubro de 1702.   

"O maior tesouro que xamais cruzou os océanos, porque así foi titulado na prensa española, e toda esa prata e ese ouro descargáronse finalmente e chegaron ás arcas reais", conta á TVG Mónica Sueiro, actriz e directora das representacións teatrais. 

Unha vez descargados os tesouros, os ingleses e os holandeses enfrontáronse no mar aos españois e os franceses, e derrotáronos. Unhas 20.000 persoas participaron na contenda. 

"Eles, os angloholandeses, si gañaron a batalla, enfrontáronse á nosa frota pero pouco levaron. O ouro, as xoias e os bens máis desexados xa estaban camiño de Madrid en máis de mil carros que se confiscaron aquí na contorna da ría", explica Alejandro Comesaña, que interpreta a Gaspar Antonio de Zúñiga Enríquez Ayala, príncipe de Barbanzón, Capitán xeral e gobernador de Galicia. 

"A batalla de Rande foi moi cruenta porque a frota española era un desastre, e nós, os franceses quixemos axudar pero ao final foi practicamente imposible", engade David Alonso, que interpreta o conde de Chateau Renault, vicealmirante da frota francesa.

Aos pés da ponte de Rande, o museo de Meirande encheuse de público este sábado para revivir algúns episodios históricos dunha batalla na que morreron máis de 500 persoas.

No libro O pranto da frota de 1702, Anselmo Feijoo lembraba que aquel día vira converterse o mar nun volcán. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade