Os museos celebran o seu día internacional con xornadas de portas abertas e actividades especiais
Os museos celebran o seu día internacional con xornadas de portas abertas e actividades especiais
O lema deste ano é 'Museos pola educación e a investigación'
Son espazos de aprendizaxe, descubrimento e comprensión cultural. Cada 18 de maio, os museos conmemoran o seu día internacional con visitas e actividades especiais, este ano baixo o lema "Museos pola educación e a investigación".
O Museo de Belas Artes da Coruña naceu hai máis de cen anos, pero a actual sede, obra do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, inaugurouse en 1995. Este día especial celébrao buscando a complicidade dos visitantes, con obradoiros para os nenos e as súas familias e tamén con visitas guiadas á exposición que recrea virtualmente a Torre da Parada, que albergaba unha das mellores coleccións de pintura do século XVII.
Na Casa Museo de Picasso tamén programaron actividades infantís. Os nenos reinterpretaron algunhas das grandes obras da historia da arte na planta baixa, mentres no segundo piso os visitantes percorreron os espazos que habitou o pintor malagueño entre 1891 e 1895.
Son só dúas das moitas opcións culturais que ofrecen os museos da Coruña, unha oferta que necesariamente pasa polos tres museos científicos municipais, de entrada gratuíta durante todo o día. É unha xornada para recoñecer a contribución dos museos como espazos vitais onde converxen a educación e a investigación para axudarnos a comprender o mundo.