Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os 56 anos do Castelo de Santo Antón feito museo

Os 56 anos do Castelo de Santo Antón feito museo

A celebración deu para amosarlle ao público os tesouros e as historias que agocha a fortaleza

O museo ábrese cada vez máis aos visitantes con experiencias e actividades que achegan a historia dun xeito máis ameno

G24.gal 05/10/2024 21:50 Última actualización 05/10/2024 22:28

O castelo de Santo Antón, na Coruña, celebra o seu aniversario como museo cunha xornada de portas abertas, visitas guiadas e obradoiros para todos os públicos. Son 56 anos de arqueoloxía e historia non só da fortaleza senón tamén do resto da cidade e de distintos lugares de Galicia.

Desde o século XVI que se construíu o castelo de Santo Antón as historias foron enchendo cada sala do que é hoxe en día. Foi edificio de defensa, prisión, lazareto onde pasaban a corentena os mariñeiros que chegaban á cidade con enfermidades contaxiosas, ata que en 1968 se converteu en museo, e desde aquela seguiu evolucionando.

"Antes os museos funcionaban máis como almacéns de pezas. Hoxe en día están moito máis abertos e eu creo que actividades como as que estamos desenvolvendo están demostrando iso. Non só custodiamos eses tesouros, senón que tamén os investigamos, estudamos, difundimos e formamos xente para que sigan este camiño e veñan moitos máis historiadores e historiadoras da arte", di Ana Martínez, técnica do museo.

Para celebrar os seus 56 anos durante este sábado celebráronse obradoiros e visitas guiadas para todos os públicos. Os cativos convertéronse en comerciantes marítimos, trataron de distinguir se Francis Drake era pirata ou corsario e descubriron entre as pezas do museo o que trouxo o mar ata A Coruña.

Desandando a historia, os participantes remataron a celebración aprendendo as primeiras técnicas para facer lume e poder chegar á medianoite do aniversario co castelo aceso e as portas abertas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar