Refachos de vento de máis de 100 km/h poñen o litoral en alerta laranxa
Refachos de vento de máis de 100 km/h poñen o litoral en alerta laranxa
O aviso por vento continuará durante toda a xornada do xoves e a do venres
Xornada a deste xoves con aviso laranxa por vento en todo o litoral. O refacho máis forte rexistrouse en Vimianzo, con 136 quilómetros por hora. Moi preto quedou a estación de Penedo do Galo, en Viviero, con 134 km/h. No Xistral, en Muras, alcanzáronse os 121, Muxía, chegou aos 106, e tamén se superaron os 100 km/h en Punta Candieira, en Cedeira, 104.
En canto ás chuvias, as cifras son moito menores ca as rexistradas o mércores pola mañá, coa cantidade máis alta na estación de Fontecada, en Santa Comba, 23 litros por metro cadrado, aínda que ese mesmo punto rexistrou 81,6 durante a xornada de onte.
Máis choveu nesta xornada no sur galego, ata alcanzar os 50 litros recollidos en Oia ou os 42 do Campus de Vigo.
A situación de alerta laranxa por vento na costa da Coruña e Pontevedra continuará mañá, mentres que o resto do territorio do país permanece en alerta amarela por vento e choiva.
A causa desta situación, algúns concellos tomaron a decisión de restrinxir o acceso a algunhas áreas públicas. En Santiago, por exemplo, o consistorio decidiu pechar parques e xardíns, e os operarios xa instalaron cintas para balizar os accesos.
Así as cousas, a situación é hoxe moi complicada no litoral coruñés. A ese forte vento hai que sumar unha altura de onda que está entre os 5 e os 6 metros.
Os servizos de emerxencias lembran a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, de diques, rompentes e paseos marítimos.
Tamén recomenda extremar as medidas de seguridade para realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
O mar ruxía con forza hoxe en Baiona, as ondas chegaron os 6 metros e o vento amenazaba ata os vehículos.
Nesta parte sur de Galicia, foron varios os puntos onde o vento se achegou aos 100 km/h. A previsión é que o temporal amaine nesta zona pola tarde.