Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reforzan os servizos de autobús entre Verín e a estación de tren da Gudiña

Reforzan os servizos de autobús entre Verín e a estación de tren da Gudiña

A Xunta habilitou unha nova liña e mudou os horarios das xa existentes para garantir a intermodalidade

Con estas medidas, pasaron de dous a cinco enlaces diarios

O novo autobús, chegando á estación da Gudiña
G24.gal 06/04/2022 14:48

Os pasaxeiros que collen o Alvia na estación da Gudiña, a porta de Galicia, están en Madrid en dúas horas e media escasas. O problema para moitos, nesta zona do oriente ourensán cunha poboación dispersa e avellentada, é chegar ata a estación. É o que intenta combater a Xunta con esta medida que, por un lado, reforza as liñas de autobús ata A Gudiña e, por outro, axusta os horarios aos do tren.

A nova liña sae a diario da vila do Támega, ás nove e media da mañá, para enlazar co Alvia das 10:34, tras percorrer Fumaces, Riós e outras localidades da comarca polo camiño. Tamén se incorpora un novo servizo na liña entre Viana e Verín, con parada na Gudiña, e adáptanse os horarios dos xa existentes, para que coincidan coas saídas e chegadas do tren.

Ángel Míguez, xefe de Mobilidade da Xunta en Ourense: "Había dous servizos e agora pasamos a cinco. Trátase de combinar o máximo posible con esa intermodalidade. Asumimos máis quilómetros de contrato, pero dentro do equilibrio económico del, aproveitando os medios humanos e materiais que existen dentro do contrato".

A iniciativa está aínda botando a andar e con escasa demanda, unha situación que esperan que vaia mudando a medida que se popularice entre a poboación desta comarca, que roza os 25.000 habitantes nunha área de mil quilómetros cadrados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade