Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reganosa quere crear unha planta de hidróxeno verde nas Pontes

Reganosa quere crear unha planta de hidróxeno verde nas Pontes

Faríase se dan captado fondos europeos

G24.gal 29/06/2022 21:36

Reganosa anunciou este mércores a súa intención de abrir unha planta de hidróxeno verde na localidade coruñesa das Pontes se dá captado fondos europeos para esta iniciativa.

O presidente da compañía Carlos Collantes presentou esta tarde esta proposta en Santiago de Compostela despois de manter unha reunión co presidente da Xunta Alfonso Rueda.

"Pretendemos transformar con el a economía de Galicia", dixo Collantes sobre un proxecto nun sector que, concedeu, "non é rendible aínda sen axudas públicas, pero que o será, como terminou acontecendo no seu día coa enerxía eólica", asegurou.

"A futuro si será viable", sostivo, pouco despois de mostrar a súa confianza en que captarán os fondos do PERTE industrial porque o seu é, recalcou, "un dos proxectos máis maduros e mellor presentados".

A iniciativa comezará mañá a súa tramitación na administración autonómica como o primeiro proxecto industrial estratéxico, unha nova figura legal que axilizará este proceso e permitirá que obteña licenzas conforme se presenten as diferentes solicitudes e acurtará á metade a espera para poder executalo.

Esta nova planta requirirá un investimento inicial de 55 millóns de euros, dos cales se espera que quince millóns poidan proceder dos fondos europeos de recuperación.

Así mesmo, o investimento total podería chegar a ser de 165 millóns para armar unha central cunha capacidade total para producir ata 14.000 toneladas ao ano de hidróxeno en función da demanda, aínda que o volume previsto nun comezo é de 3.000 toneladas anuais e 20 megawatts de capacidade instalada.

Con iso, apuntou o presidente da Xunta, poderíase "evitar a emisión de ata 150.000 toneladas de CO₂ ao ano".

Rueda referiuse a esta iniciativa de Reganosa como un "proxecto moi ilusionante" para un lugar como As Pontes, afectado polo peche dunha importante central térmica e que en tan só dous días recibiu noticias "ben boas" para o seu futuro industrial con esta proposta e a presentada onte por ENCE para crear unha nova planta de biomateriais na localidade.

En canto ao emprego, calculou que se poderían beneficiar "ao redor" de duascentas persoas na súa construción, mentres que, unha vez estea a funcionar, serían cincuenta os traballadores da planta e preto doutros tantos de emprego inducido.

Por todos estes motivos, demandou o "apoio explícito" do Executivo estatal a este proxecto e garantías de que poida financiarse cos PERTE industriais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade