Reganosa e EDP licitan a súa planta de hidróxeno das Pontes
Reganosa e EDP licitan a súa planta de hidróxeno das Pontes
Prevé unha capacidade nominal instalada de ata 100 megawatts e 16.000 toneladas anuais de produción de hidróxeno
As solicitudes de participación para a execución do complexo poderanse presentar ata as 12:00 horas do próximo 26 de xuño
Reganosa e EDP Renovables auspician esta instalación a partir dun orzamento inicial de 156 millóns de euros
O Boletín Oficial do Estado publicou o anuncio de licitación por parte do proxecto H2Pole, que promoven Reganosa e EDP Renovables, para elixir candidatos para a contratación da construción da súa planta de produción de hidróxeno renovable, que abrirá nas Pontes, A Coruña).
O contrato "chave en man" fai referencia aos "servizos de enxeñería de detalle, subministración, construción e posta en marcha das diferentes fases" da iniciativa, que prevé unha capacidade nominal instalada de ata 100 megawatts e 16.000 toneladas anuais de produción de hidróxeno.
As compañías impulsoras lembran que o plan "foi adxudicatario de axudas para a súa primeira fase no marco da primeira convocatoria do programa de incentivos a proxectos pioneiros e singulares de enerxía renovable".
As solicitudes de participación para a execución do complexo poderanse presentar ata as 12:00 horas do próximo 26 de xuño ante o domicilio ou a dirección de correo electrónico da propia adxudicataria.
Reganosa e EDP Renovables auspician esta instalación a partir dun orzamento inicial de 156 millóns de euros e coa previsión de crear un cento de empregos directos e indirectos na súa fase de explotación.
Declarada como Proxecto Industrial Estratéxico por parte da Xunta de Galicia, a planta estará a operar nunha primeira fase en 2026 e alcanzará o seu pleno rendemento en 2030, segundo as estimacións das empresas promotoras.