Relato na fronteira polaca: "Son afortunados e puideron subir ao autobús"
Relato na fronteira polaca: "Son afortunados e puideron subir ao autobús"
Marcos Méndez, xornalista galego, sae de Ucraína cara a Polonia nun autocar con mulleres e nenos que foxen da guerra
ACNUR eleva a máis de medio millón os refuxiados ucraínos fuxidos
Situación moi tensa nas fronteiras dos países veciños a Ucraína e Rusia. Europa ten que responder ao maior éxodo migratorio dentro do seu territorio.
Máis de 500.000 ucraínos xa abandonaron o seu país cara a outros países europeos, segundo cálculos de ACNUR, e crese que poden chegar aos cinco millóns de refuxiados.
Centos de mulleres, nenos e xente maior ateigan os autobuses que saen de Ucraína en dirección a Polonia. Neles non hai homes en idade de combater porque teñen prohibido abandonar territorio ucraíno.
Nun destes autobuses que cobre o traxecto entre a localidade ucraína de Vladimir e a de Hrubieszow, en Polonia, viaxou esta noite o xornalista galego Marcos Méndez, quen relata que intentou gravar as imaxes nos exteriores deses vehículos en que subían os refuxiados pero que os militares llo impediron.
"Son polo menos sete ou oito autocares coma o noso, cheos de mulleres e nenos", explica, "algúns son moi pequenos, viaxan nos colos das nais".
Ao longo do traxecto, o autobús detense en varias ocasións e recolle máis xente que atopa pola estrada.
"Queda aínda moitísima xente a pé, aquí moi preto", di Marcos Méndez. "Estes son afortunados e puideron subir no autobús", relata.
Son milleiros de persoas as que tratan de abandonar Ucraína. A UE prepárase para activar unha norma que permita a acollida ilimitada de refuxiados.
Medio millón de ucraínos fuxiron do país
Máis de medio millón de ucraínos fuxiron do seu país a nacións veciñas debido á invasión rusa, indicou hoxe o alto comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados Filippo Grandi na súa conta oficial de Twitter.
A Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR), que dirixe Grandi, sinalou previamente que Polonia, Hungría, Moldavia, Eslovaquia e Romanía son polo momento os principais receptores dese fluxo de refuxiados.
O propio Grandi pediu desde o inicio do ataque aos países veciños a Ucraína que "manteñan as súas fronteiras abertas a aqueles que buscan seguridade e protección".
Tanto ACNUR coma o Goberno ucraíno advertiron en días previos que ata cinco millóns de persoas, case a décima parte da poboación nacional, poderían abandonar Ucraína debido ao conflito bélico.