Ucraína abre seis corredores humanitarios tras conseguir un cesamento do fogo
Ucraína abre seis corredores humanitarios tras conseguir un cesamento do fogo
Os corredores estarán operativos ata as nove da noite
Os ministros de Exteriores de Rusia e Ucraína reúnense este xoves en Turquía
Ucraína abriu este mércores seis corredores humanitarios para a evacuación dos civís tras conseguir un cesamento do fogo nesas zonas co Goberno ruso, segundo informou na súa conta de Telegram Iryna Vereshchuk, viceprimeira ministra e ministra para a Reintegración dos Territorios Ocupados Temporalmente de Ucraína.
Os corredores estarán operativos entre as 9:00 e as 21:00 horas, manifestou a funcionaria Ucraína e segundo informa a axencia local Ukrinform.
"Ás seis e media da mañá (hora local), recibimos unha mensaxe da Federación Rusa sobre a aprobación nosas rutas propostas anteriormente", dixo a alta funcionaria antes de enumerar e detallar eses corredores.
Tamén manifestou que informara o Comité Internacional da Cruz Vermella sobre a apertura deses espazos seguros e sinalou que "os militares deben cesar o fogo" durante as horas acordadas nesas zonas.
As áreas en que deben deterse os ataques son entre Energodar e Zaporijia; Sumi, en dirección á cidade de Poltava; Mariupol e Zaporiye; Volnovaja con Pokrovsk; e entre Pasas y Lozova (na rexión de Khárkiv).
O sexto corredor afectaría a rexión de Kíiv e inclúe un percorrido que alcanza Vorzel, Bucha, Borodyanka, Gostomel e Irpin, ademais de Stoyanka e Belgorodka.
Evacuación da cidade de Sumi
A evacuación da asediada cidade de Sumi, no nordés de Ucraína, cuxa primeira etapa acabou onte con éxito, reiniciouse hoxe a partir da 09:00 hora local.
Kirilo Timoshenko, xefe adxunto da oficina do presidente ucraíno Volodimir Zelenski, informou esta madrugada a través da súa canle de Telegram que a evacuación da cidade fora un éxito onte e que ademais das 5.000 persoas puideran saír uns mil coches particulares.
Un dos corredores intentará evacuar dunha vez por todas a poboación de Mariupol, que sofre un "cerco apocalíptico" en palabras da Cruz Vermella. 300.000 persoas viven sen auga nin electricidade baixo os ataques da artillería rusa.
Ucraína alerta de que a planta de Chernóbil quedou sen electricidade tras os ataques rusos. Tamén denuncia torturas aos empregados da central nuclear de Zaporijia, baixo control de Rusia dende hai cinco días. 500 soldados rusos reteñen o persoal da maior central de Europa, que está "física e mentalmente esgotado".
2,15 millóns de refuxiados
Os refuxiados ucraínos que fuxiron do seu país tras case dúas semanas de ataques rusos elévanse hoxe a 2,15 millóns, segundo as estatísticas que actualiza a diario a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR).
Máis da metade destes refuxiados atópanse na veciña Polonia, a cuxas fronteiras chegaron case 1,3 millóns de ucraínos, mentres que 203.000 fuxiron a Hungría, 153.000 a Eslovaquia, preto de 100.000 a Rusia, 85.000 a Romanía e 82.000 a Moldavia, segundo a axencia da ONU.
Os ministros de Exteriores de Rusia e Ucraína reúnense este xoves en Turquía
Os ministros de Exteriores de Rusia Sergei Lavrov e de Ucraína Dimitro Kuleba manterán este xoves unha reunión en Turquía, segundo confirmou a portavoz da diplomacia rusa Maria Zakharova.
A reunión podería celebrarse no contexto dun foro económico que terá lugar na cidade turca de Antalia e ao que os dous titulares de Exteriores teñen previsto asistir.
"Efectivamente, está previsto que a delegación rusa presidida polo ministro de Exteriores Sergei Lavrov saia hoxe a Turquía", dixo Zakharova a Radio Sputnik. A portavoz respondeu afirmativamente á pregunta de se a axenda do chanceler ruso inclúe un contacto co titular de Exteriores ucraíno Dmitri Kuleba.
A UE amplía as sancións
Os países da Unión Europea aprobaron este mércores a imposición de novas sancións en resposta á invasión rusa de Ucraína, entre as que se inclúen engadir máis oligarcas, políticos rusos e os seus familiares á lista negra e desconectar a tres bancos bielorrusos do sistema internacional de comunicación SWIFT.
As novas medidas, cuxa función é "complementar e aliñar" as tres quendas de sancións xa adoptadas e en vigor ata a data, completan a lista de tecnoloxías e bens que non se poden exportar.