Un grupo de candorcas deixa sen temón un veleiro preto do Roncudo
Un grupo de candorcas deixa sen temón un veleiro preto do Roncudo
Durante a manobra de remolque, unha tripulante resultou gravemente ferida nunha man e foi evacuada polo Helimer 40
O Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra mobilizou a Salvamar Altair e o Helimer 402 para remolcar un veleiro con dous tripulantes tras unha interacción con candorcas a 6,5 millas do Roncudo.
Salvamento Marítimo informou este luns de que o veleiro Amidala pediu asistencia por interacción con candorcas ás 15:39 horas do domingo. Os dous tripulantes da embarcación, de nacionalidade belga, alertaron de danos no temón, polo que non tiñan capacidade de manobra.
As condicións meteorolóxicas na zona eran adversas e durante a manobra de remolque, unha das tripulantes quedou ferida de gravidade nunha man, polo que foi evacuada en helicóptero xa que a chegada a Camariñas por mar poderíase demorar unhas catro horas.
A Salvamar Altair deixou o veleiro atracado en Camariñas ás 21:20 horas.
Dana e Wim están ben, pero aínda teñen o susto no corpo. "Foi de repente, saíron do máis profundo do mar e deron directamente co radar e o temón, foron golpes fortes, estiveron como uns tres minutos ata que o barco quedou completamente bloqueado", explica Wim.
"Estaba collendo a liña de rescate fronte a eles, e a man quedoume atrapada entre o barco e a liña. Fixo crac e comezou a sangrar moito", recorda Dana.
"Tentaremos navegar de volta á casa, arranxalo ben e preparalo para o noso obxectivo de dar a volta ao mundo" engade Wim, que mercou o barco hai tan só un mes en Grecia.
Nos últimos días houbo máis avistamentos e interaccións con candorcas na zona. Se se cruzan con elas o primeiro é manter a calma, tal e como fixeron estes mariñeiros, cuxa profesionalidade axudou ao feliz desenlace.