Renfe aumenta a oferta semanal de trens en Galicia en máis de 14.000 prazas
Renfe aumenta a oferta semanal de trens en Galicia en máis de 14.000 prazas
Aumenta nun 30 % a oferta actual de prazas respecto a un día laborable medio
Renfe reconfigura a partir de setembro a súa oferta de servizos e de prazas nos servizos de media distancia do Eixo Atlántico e os Avant, de maneira que aumentará semanalmente a oferta de prazas nestes servizos galegos con máis de 14.000 prazas.
Estas prazas e novos servizos iranse incorporando paulatinamente á oferta actual desde a primeira semana de setembro e beneficiarán todos aqueles viaxeiros que se despracen entre A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo (e estacións intermedias destes percorridos) e os usuarios dos trens Avant entre A Coruña, Santiago de Compostela e Ourense, informou nun comunicado o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Na liña entre A Coruña e Ourense, Renfe ofrecerá máis de 1.900 prazas de incremento respecto á oferta actual, o que supón un incremento do 9 % nun día laborable medio.
Ademais, incorporará, desde o 5 de setembro, un tren Avant con saída de Ourense ás 6.45 horas e chegada á estación da Coruña ás 7.53 horas, que circulará de luns a venres.
Segundo o operador ferroviario, ofreceranse máis prazas denominadas "sinerxiadas", que son prazas en trens de longa distancia, onde se pode viaxar con tarifa de Avant.
En concreto, incorporaranse tres novos trens sinerxiados para os clientes que se despracen entre Ourense e A Coruña e viceversa: un que circulará todos os días menos os domingos con saída ás 10.38 horas de Ourense e chegada ás 11.52 horas á estación da Coruña; e outros dous que operarán de luns a xoves, con saída ás 17.08 horas de Ourense e chegada ás 18.18 á Coruña e con saída da Coruña as 19.35 horas e chegada a Ourense ás 20.44 horas.
Doutra banda, os trens rápidos do Eixo Atlántico entre A Coruña e a estación de Vigo-Urzáiz contarán con preto de 11.600 prazas máis por semana repartidas nos distintos servizos e horarios actuais ofrecidos, e ao longo dos distintos días da semana, de luns a domingo.
Ao mesmo tempo, tamén se reforzarán os servizos que chegan á estación de Vigo-Guixar con máis de 700 prazas adicionais.
Esta cifra supón que se aumenta nun 30 % a oferta actual de prazas respecto a un día laborable medio, segundo o Ministerio de Transportes.
Por último, incrementará tamén as circulacións nos servizos de proximidade de Ancho Métrico da liña Ferrol e Ortigueira pasando das 16 circulacións actuais a 22; o que supón un aumento do 37,5 %; e contratará a persoal novo para apoiar as tarefas de venda, co reforzo no servizo de 50 traballadores.