Renfe aumenta en 2.100 prazas a conexión entre Galicia e Madrid
Incrementa un tramo horario os venres e domingos esta e a vindeira fin de semana
Funcionarán entre Santiago de Compostela e a estación madrileña de Chamartín
Esta fin de semana e a vindeira, os viaxeiros que queiran desprazarse entre Galicia e Madrid contarán cun servizo especial de tren Alvia a maiores, para dar servizo ao aumento de demanda que se rexistra durante estas datas.
Este reforzo producirase os venres e os domingos tanto desta fin de semana coma da que vén. Os usuarios acolleron positivamente a medida.
"A verdade é que moi ben porque non había moitos horarios de trens, e non tiñamos moitas opcións de escolla e así canto máis trens haxa, mellor", asegura un viaxeiro procedente de Madrid.
En total son 2.100 prazas máis que Renfe pon ao servizo dos viaxeiros a través destes trens especiais e que se establecerán entre Santiago de Compostela e a estación madrileña de Chamartín.
Os traxectos teñen unha duración estimada de tres horas e media, o que vai situando o tren nunha posición moi vantaxosa con respecto a outros medios de transporte.
"A alternativa é o avión pero é máis lea, porque te deixa na Lavacolla, non no centro de Santiago e resulta máis pesado. Eu son moito máis de tren", comenta unha usuaria que vén a Galicia a gozar duns días de vacacións.
Estes trens de longa distancia teñen prevista a súa saída, venres e domingos, ás 19:25 horas do serán dende Santiago de Compostela mentres que dende Madrid a saída será minutos antes das dezanove horas.
En todo caso, poden comprobarse os horarios e a súa dispoñibilidade nos despachos das estacións ou a través da Internet.