Os trens Avril volven á circulación tras arranxar Talgo a avaría informática
Os trens Avril volven á circulación tras arranxar Talgo a avaría informática
Os primeiros trens Avlo e AVE que circularon en Galicia este xoves fixérono xa con total normalidade
Renfe cifra nun millón o custe da incidencia e non descarta penalizacións
Renfe opera sen problemas os 36 servizos AVE e Avlo previstos para este xoves cos trens Avril, tras emendar Talgo desde as 4:40 horas a avaría informática que afectaba os convois desde onte mércores.
A compañía ferroviaria informou de que se recuperou "con normalidade" a circulación desde o inicio e que "cumprirá a programación habitual" nos tres corredores que unen Madrid con Galicia/Asturias, Madrid-Zaragoza/Barcelona e Madrid-Levante.
As dúas primeiras circulacións en Galicia, as dos AVLO e AVE que unen A Coruña e Vigo con Madrid, operaron, aínda con algún atraso, sen incidencias e dentro da normalidade.
📢🔔Subsanada la avería informática de los trenes Talgo Avril, la programación habitual se recupera con normalidad desde el inicio del servicio, en los tres corredores que unen Madrid con Galicia/Asturias, Madrid-Zaragoza/Barcelona y Madrid-Levante.
— InfoRenfe (@Inforenfe) January 2, 2025
Os técnicos de Talgo traballaron conxuntamente con Ingeteam, operador do cargador das baterías dos trens, para liquidar o incidente e poder así restaurar o servizo. Segundo comunicou Ingeteam, o problema destes equipos estaba relacionado co cambio de ano.
Estes trens atopábanse inoperativos desde as 07:00 horas do 1 de xaneiro se atopaban inoperativos, por problemas de carga de software, todos os autopropulsados da serie 106 (ancho estándar e convencional).
Esta avaría provocou que Renfe activase onte un plan operativo especial para recolocar os viaxeiros afectados e que prevía activar este xoves se persistía esta disfunción nos modelos Avril da compañía.
Finalmente, desactívase este plan especial e as 36 circulacións, con 19.430 potenciais viaxeiros, en trens Talgo Avril en servizos AVE e Avlo circulan este xoves con normalidade, precisou Renfe nun comunicado.
Renfe non facilitou o número total de afectados polas incidencias do 1 de xaneiro, pero si que foron 28 trens nos tres corredores os que non puideron cumprir coa programación e cun número potencial de viaxeiros de ata 24.000.
Os Avril, que se estrearon comercialmente en maio de 2024, conectan Madrid con Galicia, Asturias, Zaragoza, Barcelona, Valencia, Alacante e Murcia, en trens AVE e Avlo.
Os trens de alta velocidade da serie 106, os Talgo Avril, son os máis avanzados da marca, que grazas á súa alta capacidade e ao lixeiro peso total minimizan o consumo enerxético e multiplican a eficiencia.
Unha das características que destaca deste tren de última xeración é a súa composición de 12 coches de viaxeiros e 200 metros de lonxitude.
Renfe cifra en 1 millón o custo da incidencia e non descarta penalizacións
O presidente de Renfe cifrou nun millón de euros o custo para a empresa pública da avaría informática dos trens Talgo Avril. Díxoo este xoves durante unha conferencia de prensa na Conselleria de Territorio da Generalitat para presentar un Plan de medidas urxentes en Rodalies.
Sobre o custo global da incidencia, entre o dos billetes anulados, modificados ou devoltos e o material e os equipos mobilizados, Blanco redondeou a 1 millón de euros a afectación para a compañía, un impacto "importante".
Ás preguntas de se Renfe vai pedir compensacións a Talgo por estas incidencias, respondeu que non descartan penalizar á compañía pero que non están agora "neste punto".
"A incidencia está resolta e estudaremos no marco da relación tan complexa e difícil que temos con Talgo se isto engade algún elemento máis ás penalizacións que xa ten", dixo Raúl Blanco.
Blanco remitiu ao fabricante sobre o porqué da incidencia, e agradeceu o traballo dos equipos de Renfe para atender o problema. "Nun 1 de xaneiro tivéronse que mobilizar, desprazarse por toda España e ir solucionando a mobilidade dos viaxeiros, que para nós sempre é o máis importante.