Renuncia o concelleiro do PP de Guntín condenado por explotar dous traballadores
Renuncia o concelleiro do PP de Guntín condenado por explotar dous traballadores
José Vázquez Barreiro presentou “un escrito no rexistro municipal no que comunica a súa renuncia á acta de concelleiro", informa o Partido Popular
O Partido Popular informou de que o concelleiro de Guntín que esta semana aceptou unha condena de nove meses de cárcere por un delito contra os dereitos dos traballadores, por explotar dous cidadáns marroquís sen papeis na súa granxa, presentou xa a renuncia á súa acta nese municipio lucense.
Segundo informou o PP de Lugo, o concelleiro José Vázquez Barreiro presentou “un escrito no rexistro municipal no que comunica a súa renuncia á acta de concelleiro polo Partido Popular e aos deberes derivados da súa condición de membro do Goberno local”.
Os populares confirmaron nun comunicado que Barreiro “comunicou no mesmo momento ao alcalde, Ángel Pérez, a súa decisión, adoptada de forma voluntaria e coa convicción de que é o mellor para non danar a imaxe do Concello, nin do Goberno municipal, nin do Partido Popular”.
A ese respecto, engade o PP, “tamén solicitará a suspensión de militancia no Partido Popular”.
“Nin a dirección do PP local nin provincial coñecían previamente os feitos nin a situación do ata o de agora concelleiro, que vén de tomar esta decisión de forma persoal”, conclúe o comunicado.
O Partido Socialista de Lugo e o BNG xa solicitaran “a dimisión” ou “expulsión inmediata” deste concelleiro.