Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rescatadores galegos regresan impactados pola devastación causada no terremoto de Turquía

Rescatadores galegos regresan impactados pola devastación causada no terremoto de Turquía

"Localizáronse tres persoas falecidas, e os compañeiros de Bombeiros de Ferrol participaron nas tarefas de rescate e desentullo de dúas delas"

G24.gal 15/02/2023 21:49

Xa están na casa varios dos equipos de rescate que viaxaron desde Galicia para axudar nas tarefas de recuperación de vítimas do gran terremoto de Turquía.

Están de volta, mais aínda aflixidos pola gran devastación que viron. "A primeira impresión que me resultou máis impactante foi a cantidade de edificios que caeran, incluso edificios relativamente novos", di o guía canino José Luis García.

Tor e Anca son dous cans que contan cun amplo currículo en tarefas de salvamento e rescate. A cadela mesmo posúe o título de campioa de Europa.

Os dous traballaron entre os cascallos dos edificios derrubados na cidade de Adıyaman, moi preto da fronteira con Siria.

O responsable da Unidade de Rescate Cans de Salvamento de Galicia, Alexandre Barreiro, explica que fixeron "uns 11 edificios e 22 intervencións cos cans. Localizáronse tres persoas falecidas, e os compañeiros de Bombeiros de Ferrol participaron nas tarefas de rescate e desentullo de dúas delas".

"Había unha queixa xeneralizada que tiñan no país, que é esa caída construtiva dos edificios, e do que si podemos ser testemuñas e dar fe é de que nós conseguimos cun simple pico e unha maza desbastar ata dous forxados, é dicir, dúas placas. Iso é algo impensable aquí", aclara Manoel Tato, bombeiro do Concello de Ferrol.

Outro galego, Miguel Montero, bombeiro en Muros, participou no rescate dun mozo que lograron sacar entre as ruínas. "Había un rapaz atrapado nunha estrutura colapsada cun pé esmagado. E, entón, nada máis chegar puxémonos a funcionar e liberamos ese rapaz".

Foxen de calquera protagonismo. Insisten en que agora o foco e a axuda deben estar coas vítimas e o pobo de Turquía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade