Rescatan viva unha cadela que pasou todo un día a dous metros baixo terra en Santiago
Lasca, unha braco de doce anos, quedou inmobilizada no interior do toco dun teixugo nunha devesa de Nemenzo
Foi a mastín da casa, Nala, quen localizou o punto en que a súa compañeira levaba atrapada varias horas
Un terreo ben coñecido para ela, a devesa dos Mallos, Nemenzo, en Santiago, estivo a piques de resultarlle letal. Lasca non volvera do seu paseo de sábado. O instinto cazador desta braco alemá púidolle e entrou nun toco de teixugo, sen reparar en que con doce anos a forma física vai a menos. Quedou atrapada dentro, mentres pola superficie a buscaban os familiares.
"Eles foron quen deron coa localización exacta da cadela, foi grazas a outro can que tiñan, que lle marcou o punto exacto. El xa pasara por alí, pero como o animal estaba a uns dous metros de profundidade e a uns catro metros da entrada do toco en que se metera non escoitara os ladridos da cadela. Entón, a cadela botou alí vinte e catro horas", explica Miguel Fernández, un dos bombeiros de Santiago de Compostela que participou no rescate.
A familia, que nos cedeu o arquivo fotográfico que acompaña esta información, explicounos que tras dúas batidas polo monte, a mastín da casa, Nala, seguiu pola súa conta e foi quen localizou onde estaba Lasca. Había moito que escavar e había que facelo a xeito. A familia pediu axuda e os Bombeiros de Santiago desprazaron catro efectivos co equipamento necesario.
"Calculamos que igual cerca de tres toneladas de terra retiramos a padas. Conseguimos localizala, vela e observamos que estaba atrapada. Pouco a pouco fomos abrindo máis o burato e finalmente conseguimos chegar a ela e ir calmándoa e liberándoa pouco a pouco e retirala para fóra e sacala sa e salva", di Jaime Tizón, o bombeiro que sacou a Lasca do toco.
O momento feliz chegou xa baixo a luz artificial despois de tres horas de traballo.
"Conseguín arrastrarme polo furado e pouco a pouco chegar ata ela, a cadela estaba moi cansa; non lle quedaban forzas máis que para ladrar un pouquiño. Cando cheguei a ela tamén se tranquilizou, practicamente deixouse facer e tirando dela pouquiño a pouco libereina e tróuxena para fóra", explica Jaime Tizón.
E Miguel Fernández conclúe que "era o noso deber facelo; o animal alí non podía quedar, que nos vimos moi apoiados; eles (a familia) axudáronnos a remover parte da terra. Foi un traballo en equipo, entre todos". E todos e todas felices, especialmente Lasca, que volve ver a luz e está recuperándose da lesión que fixo no fociño.