Restablecen o tráfico na A-52 tras o aparatoso accidente dun camión portacoches
O camión envorcou á altura de Verín e os coches que transportaba quedaron esparexidos pola calzada
Tiveron que traballar ao longo da noite para deixar transitable a autovía A-52, á altura do concello de Verín. Foi preciso apartar o camión da vía de tránsito cara á mediana, onde esta mañá aínda permanecían tamén algúns coches.
Están a espera dun guindastre para poder mover o camión e que a autovía quede coa circulación normalizada ao cen por cento ao longo do día de hoxe. Polo momento pódese circular por un dos carrís de circulación en sentido Benavente.
O sinistro aconteceu pola noite cando envorcou un tráiler portacoches e deixou todos os coches que transportaba esparexidos pola calzada. Por sorte, sen consecuencias maiores que os numerosos danos materiais.
Malia a aparatosidade do sinistro o condutor só quedou ferido leve. Iso si foi necesario cortar ao tráfico a autovía.
Axentes da Garda Civil redirixiron a circulación pola estrada nacional 525. As malas condicións meteorolóxicas desta noite, con vento forte e moita chuvia parecen estar detrás deste sinistro.