Restaurantes de todo o país reproducen a receita do caldo de gloria de Rosalía
Unha receita extraída do poema "Miña casiña, meu lar", que é toda unha alegación ao poder reconstituínte do caldo para calmar non só a fame, senón tamén o frío e a pena
"Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar;
non tiña nela frangulla
con que poidera cear".
Era un día chuvioso o que describe Rosalía no seu poema, que relata o desánimo con que chegou á casa, chea de fame e de frío.
"Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear".
"Os ingredientes do caldo de gloria, como dicía Rosalía, son a base que tiña ela cando chegou á casa: pataca, fabas, grelos, repolo e unto. E o bolo de fariña, que nós non o botamos sempre polos celíacos, para que poidan comer o caldo", explica Pablo Otero, cociñeiro do Mercado da Ponte de Ourense.
"Botamos as fabas e o unto para darlle un pouco de sabor e, cando estea medio cocido, engadimos o grelo, o repolo e a pataca ao final. Sobre 45 minutos, non debe estar moito tempo para que non colla moito sal", conclúe.
"Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo de pote
que era cousa de envidiar".